CRTVG

Buscar

Ferrol, a área sanitaria con menos casos activos e menos contaxios de Galicia

Publicado o 18/05/2021 15:17

Con 87 casos activos e 3 novos contaxios nas últimas horas, segundo o informe facilitado polo Sergas, a área sanitaria de Ferrol é a que presenta os mellores datos na evolución da covid na nosa comunidade. Hai semanas que a curva da pandemia se mantén á baixa en toda a comarca.

"En Ferrol podemos dicir que non tivemos unha cuarta vaga. Os datos foron bastante contidos, seguen aparecendo casos positivos, pero a repercusión, tanto a nivel de UCI como de hospitalización, non está sendo de gravidade", asegura Silvia Rodríguez Dapena, directora asistencia da área sanitaria de Ferrol. 

Desde o pasado 5 de maio non se rexistrou ningún falecemento pola covid nesta área sanitaria, onde a ocupación hospitalaria se mantén estable. Hoxe hai 5 pacientes ingresados neste hospital Arquitecto Marcide, tres en planta e dous na unidade de coidados intensivos. Outro dato positivo: Ferrol é a cidade coa taxa de incidencia máis baixa de toda Galicia.

Aínda así, con esta boa evolución da área sanitaria, os profesionais insisten na prudencia.

"Agora mesmo é o momento do máximo sentidiño e mínima relaxación. Agora máis ca nunca, porque estamos socializando máis", Silvia Rodríguez Dapena. 

Por iso, non cómpre esquecer a importancia de manter as medidas sanitarias para seguir gañándolle a batalla ao virus.

Noticias web

18/05/2021