CRTVG

Buscar

José Tomé será o candidato do PSdeG a presidir a Deputación de Lugo

Publicado o 20/06/2019 21:11

A Comisión Federal de listas do PSOE deulles o visto e prace ao candidatos á presidencia das catro deputacións. Formoso pola Coruña, Silva en Pontevedra, Villarino en Ourense e Tomé en Lugo. Precisamente a aposta da dirección dos socialistas galegos polo alcalde Monforte para presidir a Deputación de Lugo provocou o divorcio entre a dirección galega a provincial. Darío Campos o aínda presidente da institución, e o candidato que apoiaba a dirección provincial, antes de coñecer a decisión de Ferraz dicía que a respectaría pero criticaba as formas e avisaba de que esta fenda podería prexudicar electoralmente o partido.

"Eu creo que lles estorbabamos e, nada, hai que retirarse cando as cousas están así. A min as formas é o que menos me gustou de todo este proceso. Creo que se se falara á cara desde o principio non habería este problema. Creo que esto non era necesario e, ao final, estas cousas poden pasar factura", asegura Darío Campos, presidente en funcións da Deputación de Lugo.

Agora falta por ver en que situación quedan a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e os seus concelleiros porque ningún forma parte da proposta de Tomé , o xa candidato oficial á Deputación.
Sobre este tema pronunciouse Álvaro Santos, que dimitía este luns da Secretaría Provincial precisamente polas diferenzas coa executiva galega á conta do candidato para presidir a Deputación. Santos di que se o Concello de Lugo queda fóra do goberno provincial alguén terá que explicalo.

"Se alguén considera que non debe estalo, pois tamén debe explicalo el á cidadanía e ao partido", afirma Álvaro Santos, ex-secretario provincial do PSdeG de Lugo.

Tras a marcha de Álvaro Santos, a Secretaría Provincial do PSdeG quedou en mans dunha comisión xestora.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/06/2019