CRTVG

Buscar

Ferrán Torres silencia San Siro e permite a Luis Enrique sacar peito

Publicado o 07/10/2021 11:22

A España ciclotímica de Luis Enrique volveu dar a versión boa, tirando a moi boa, nada menos que contra a actual campioa de Europa. Unha Italia que quedou sen a pelota e sobre a que os españois bateron dende o minuto un. Oyarzabal tivo a primeira despois dun balón de Marcos Alonso para o desmarque de Sarabia. Pelota á área e Bastoni que mete o corpo para evitar a traxectoria do lanzamento a porta de Oyarzabal.

Sen un nove puro sobre o campo o esquema do seleccionador volveu primar a entrada dos estremos ancheando o campo e encomendándose á velocidae e á colocación de Ferrán Torres. Como no cero a un: toque fino de Marcos Alonso e centro temperado de Oyarzabal ao que chega en carreira Ferrán Torres para rematar no aire e acabar enchufando o coiro na rede.

Corría o minuto 17 e dous máis tarde a sorte alíase toda cos azurros. Nunha batedura contra a porta italiana o último remache crávao Marcos Alonso cunha volea dende o recanto esquerdo da área. A pelota váiselle das mans a Donnarumma e acaba dando no poste e despexada 'in articulo mortis' por Bonucci cando xa chegaba co coche vasoira Koke para rematar a faena.

Italia, que xa se miraba sometida, activa o xen Garibaldi e arreponse ao seu destino avisando cun contragolpe no que Bernardeschi chega ao quinteiro de Unai Simón e o porteiro ten que meter a man abaixo que evita o gol.

Outra, fantástica, da escuadra azul. Insigne, chegando só polo punto de penalti, manda fóra incomprensiblemente o pase de Chiesa que avanzou coma un foguete ceibo polo costado.

A catro minutos do descanso Bonucci ten que marchar á caseta por este cobadazo sobre Busquets. A segunda tarxeta que vía o capitán e Italia a xogar con 10 toda a segunda parte.

O golpe de graza ao partido daríano os españois antes de marchar ao recreo. Outra volta o fútbol combinativo e a largada soberbia de Marcos Alonso para conectar con Sarabia tomando vantaxe á defensa. toque en curto para Oyarzabal e centro do realista que remata Ferrán Torres colocado no antepeito da portería.

O goleador español tivo que marchar do campo con problemas físicos e Yeremi Pino debuta sumándose á chegada de Gavi á nómina da selección coa folla de servizos por completar pero cun gran arranque de traxectoria.

Pino foi, precisamente o autor desta marabilla con centro enroscadiño final para Oyarzabal e cacholada que se perde fóra por pouco na xogada que puido supor o terceiro gol de España. Outra de Yeremi Pino con remate precipitado de Marcos Alonso e parada de Donnarumma. Foi o entreacto final antes de que Italia recuperara un chisco de ánimo e reducira diferenzas.

España collida en cirolas cando viña dun corner favorábel. Non dan corrido para atrás os defensas despois de deixar o coiro morto Yeremi Pino e entre Chiesa que conduce e Pellegrini que remata, marcan e pechan o 1 a 2 que mete o equipo de Luis Enrique na final da Nations League con moi boas sensacións de equipo para a selección.  

Noticias web

07/10/2021