CRTVG

Buscar

Fernando Vidal convértese no presidente 45 na historia do Deportivo

Publicado o 14/01/2020 18:48

 

Fernando Vidal converterase hoxe no presidente número corenta e cinco na historia do Deportivo. Substituirá no cargo a Juan Antonio Armenteros, que ocupou o cargo por espazo de apenas tres semanas de xeito provisorio trala saída de Paco Zas. Armenteros pasará a se integrar como conselleiro no equipo de Vidal, un cargo que éste asumira durante dous anos e medio no mandato de Tino Fernández. Vidal será o cuarto que asuma a cadeira presidencial deportivista nun espazo de oito meses. A asemblea debe darlle hoxe o visto e prace a toda a candidatura, que compoñen oito persoas.

Como anunciou na xunta anterior, Vidal chega ao club avalado polo acordo coa entidade financeira Abanca, que garante a viabilidade do Deportivo a futuro independentemente da categoría na que milite. Un préstamo que permite reforzar o equipo e obriga á nova directiva a plantexar unha inmediata ampliación de capital na que Abanca pasará a ser accionista principal do club.

Ese acordo e as fichaxes de Fernando Vázquez, Colak e Sabin Merino son as primeiras medidas impulsadas polo novo consello. A última ten que ver coa equipación. O Deportivo volverá a vestir raias verticais, como pedía un sector da afección, pero só temporalmente.

Con este xesto e as decisións tomadas previamente, Vidal pretende facer borrón e conta nova e pasar páxina a unha das etapas máis convulsas da historia do club.

Noticias web

14/01/2020