Fernando Vázquez lamenta que o Deportivo teña menos descanso ca os rivais
Para o técnico de Castrofeito, "non hai igualdade de condicións"
O Deportivo afrontará o partido deste martes co Elxe sen Peru Nolaskoain, que se lesionou o pasado sábado ante o Raio Vallecano, nin o lateral esquerdo Salva Ruiz, pero co porteiro Aleksandar Jovanovic e o central Abdoulaye Ba.
O adestrador do conxunto galego, Fernando Vázquez, convocou 24 xogadores, polo que terá que facer un descarte antes do choque. Na relación de citados figuran o porteiro Aleksandar Jovanovic, que se recuperou dunha lesión nun cóbado, e o central Abdoulaye Ba, que non puido xogar ante o Raio Vallecano por unha cláusula do seu contrato de cesión.
Por lesión caeuse dos plans de Vázquez o centrocampista Peru Nolaskoain, que nos últimos partidos xogou como central e que ante o Raio sufriu unha escordadura de nocello.
Na rolda de prensa Fernando Vázquez lamentou que o Deportivo teña menos descanso ca os rivais.