CRTVG

Buscar

Simón avanza que se poderá relaxar o uso da máscara en exteriores nun días

Publicado o 17/05/2021 20:34

Sanidade proporá en breve relaxar o uso da máscara en exteriores. Fernando Simón, director do Centro de Alertas e Emerxencias Sanitarias: "É unha medida que está esperando moita xente, e é probable que dentro de non moitos días se poida relaxar".

Sen dar datas concretas, o Goberno recoñece que está estudando xa levantar algunhas das restricións e medidas de control da pandemia. Fernando Simón calcula que no prazo dun mes se darán as condicións para poder relaxar moitas outras. Iso si, de maneira gradual e, se é necesario, por territorios.

Fernando Simón: "Non se pode pensar que todas as medidas se poden quitar ao mesmo tempo; se se quitan as máscaras en exteriores non se poderán quitar en interiores. Ou poderán quitarse nas residencias, onde están todos vacinados, pero non noutros colectivos".

España ten vacinada xa coa pauta completa máis de 7 millóns de cidadáns, un 15 % da poboación. Simón asegura que os prazos se están cumprindo, pero cre que é prematuro e pouco prudente contar os días para poñerlle data á inmunización colectiva.

Fernando Simón: "Hai que ter un pouco de coidado; hai que ser optimista, pero tamén ser prudente. Non se pode pode poñer o carro diante dos bois".

Noticias web

17/05/2021