CRTVG

Buscar

Fernando Mosteiro: "Facer sete transplantes a un tempo é moi rechamante, pero o importante é ter doantes para poder facelo"

Publicado o 23/09/2019 11:05

O Hospital da Coruña, centro de referencia a nivel mundial en transplantes, bateu a semana pasada a súa propia marca, fixo seis trasplantes de sete órganos en doce horas. Fernando Mosteiro, coordinador de transplantes, dixo desde o propio centro en directo no Bos días que os pacientes "están recuperándose, pero en principio están nun estado aceptablemente bo".

O doutor Mosteiro cre que "o feito é moi rechamante, pero o imporante non é o tempo, o importante é ter doantes para poder facelo. Nós estamos entre os catro cinco hospitais con máis trasplantes de toda España, e este ano seguiremos nesas cifras".

Unhas setenta persoas interviñeron nesas operacións simultáneas: "O dificil é coordinar toda esa xente. Cando hai moitos órganos válidos en moi pouco estado de tempo temos que coordinar moi ben todo para que os riles, corazóns ou fígados se poñan simultaneamente en distintos quirófanos", relata Fernando Mosteiro.

O feito de que se relizasen tantos trasplantes a un tempo debeuse a que "deses seis transplantes, dous eran de urxencia, e ademais, deuse a circunstancia máis execpcional, que é que había sete órganos válidos para ser transplantados".

Eses órganos "chegaron desde A coruña e Madrid" e permitiron facer "dous transplantes de pulmón, dous de ril, dous de fígado, e un de corazón".

O responsable do departamento no CHUAC asegura que as taxas de rexeitamento á doazón baixaron de maneira notable: "Galicia, seguramente por un tema cultural, eramos das comunidades coa taxa máis alta de negación ás doazóns, pero desde hai uns anos esas cifras están caendo. Neste ano, a media desde hospital está por debaixo da media nacional, e non levamos ningunha negativa, e iso é extensivo a toda Galicia". 

Para animar á doazón, Fernando Mosteiro di que el sempre repite o mesmo: "Só hai dúas situacións en que alguén pode dar vida, unha é unha muller embarazada e a outra é o familiar dunha persoa falecida que pode decidir doar os seus órganos".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí