Fernando García Cadiñanos, novo bispo de Mondoñedo-Ferrol

Fernando García Cadiñanos, que exercía ata o de agora como vicario xeral da diocese de Burgos, acaba de ser nomeado bispo de Mondoñedo-Ferrol, segundo comunicou a Nunciatura Apostólica á Conferencia Episcopal Española. Substitúe no cargo a Luis Ángel de las Heras, bispo de León desde mediados de outubro do pasado ano.
Nado en Burgos no 1968, García Cadiñanos estudou na Facultade de Teoloxía do Norte de España, onde obtivo o bacharelato en Teoloxía e, posteriormente, a licenciatura en Teoloxía Dogmática.
Ordenado presbítero o 26 de xuño de 1993 na igrexa do Carme de Burgos, marchou no 1997 a Roma, onde se licenciou en Ciencias Sociais-Especialidade Doutrina e Ética sociais pola Universidade Gregoriana de Roma (ano 2000).
Na súa primeira mensaxe á diocese, o novo bispo lembra que a "igrexa de Mondoñedo-Ferrol é unha comunidade de cristiáns cunha longa tradición e unhas profundas raíces", á que pretende estar "moi unido", como "un irmán maior que quere participar" dos seus "gozos e esperanzas, dores e sufrimentos individuais e sociais".