CRTVG

Buscar

Fernando Gallego deseña as súas xoias na Serra de Outes

Publicado o 03/10/2017 13:30

Recollendo técnicas dun traballo ancestral, o noso seguinte protagonista é quen de modernizar a xoiaría, conseguindo colocar as súas creacións por medio mundo. Hoxe visitamos a Fernando Gallego na súa tenda-taller na Serra de Outes. Alí hai da nova vida a moedas do Imperio Romano, pezas de antigas dinastias chinesas, frechas persas ou pezas herdadas dalgún familiar, agora en desuso.

Na ría de Muros-Noia, entre o mar e as montañas, Fernando Gallego deseña as súas personalísimas xoias. O seu pai aprendeulle o oficio e tamén lle ensinou a aprezar as xoias como algo que vais máis aló dun simple afeite ou adorno. Sabedor de que unha xoia ten o potencial de se converter nun símbolo dun momento especial na vida do seu cliente, opta pola artesanía, pola personalización dos seus deseños. Interesado na historia, a arte e a natureza, as súas afeccións terminaron por marcar a tendencia de cada unha das súas coleccións. Fóra de España, as pezas con valor histórico que crea arredor dunha antigüidade comparten mercado de igual a igual cos seus atractivos Apilables. 

Agora triunfan as súas alianzas con segredo. Seguindo unha popular crenza da Antiga Roma incrústalle un pequeno rubí na cara interior, daquela mantiñan que esa pedra en contacto coa pel favorecía a paixón e propiciaba anos de saúde e fortuna. Malia que devece polas antigüidades e as historias que agochan, Gallego é un xoieiro do século XXI que non renuncia tampouco aos deseños de liñas puras e futuristas. Un artesán ecléctico ao que o move unha unica paixón, crear xoias perfectas, personalizadas e únicas que se convertan en especiais para quen as leva.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

03/10/2017