Fernando Alonso, operado da mandíbula logo de ser atropelado por un coche cando montaba en bicicleta

Fernando Alonso foi operado de fractura de mandíbula.
O piloto asturiano, dúas veces campión do mundo de Fórmula Un, que este ano regresa ao campionato, foi atropelado mentres montaba en bicicleta nos arredores de Lugano (Suíza), informa a súa escuadra Alpine F1. "O equipo Alpine F1 pode confirmar que Fernando Alonso se viu involucrado nun accidente de estrada mentres circulaba en bicicleta en Suíza", explica a escuadra francesa este xoves a través dun comunicado.
"Fernando está consciente e atópase ben e está en espera de ser sometido a novos exames médicos mañá pola mañá. A escuadra Alpine F1 non fará novas manifestacións de momento. Calquera novidade será feita pública mañá", reza o texto do Alpine F1 Team.
Segundo informa o diario italiano La Gazzetta dello Sport, que adiantou a noticia do accidente, as probas radiolóxicas ás que se someteu Alonso revelaron unha fractura na mandíbula e danos nalgunhas pezas dentais.