CRTVG

Buscar

Fernández Lores: "Se me preguntas se estou contento co que fixemos ata o de agora digo que si, pero non me conformo"

Publicado o 06/06/2019 10:59

O alcalde en funcións de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores (1954), comeza a entrevista dicindo "malo será que non poidamos seguir gobernando a cidade", logo dos resultados das eleccións do 26-M, en que a súa candidatura sumou 11 concelleiros, ben sexa cun goberno de coalición co Partido Socialista ou ben en solitario. Lores di que el pon sempre os intereses dos veciños por diante de todo, e que iso será o que condicione as conversas. Polo momento, recoñece que houbo contactos cos socialistas, pero que non hai nada avanzado.

Sobre o que vai ser a súa xestión nos próximos anos o alcalde de Pontevedra di que "temos unha liña de traballo que imos continuar, pero temos que pensar os próximos anos como un mandato novo, para evitar fórmulas rutineiras". "A política municipal ten que ser algo dinámico", afirma Lores. "Se me preguntas se estou contento co que fixemos ata o de agora, digo que si. Pero non me conformo. Estamos sacando adiante proxectos que son pioneiros", conclúe.

Respecto a Ence, asegurou que "nós o que temos moi claro é que non pode continuar na ría de Pontevedra; os veciños da cidade, Marín ou Poio teñen dereito a recuperar a ría. O futuro de Pontevedra non pasa por Ence, en absoluto".

E respecto ao balance golbal para o BNG do resultados das eleccións di que agora están presentes en todas as cidades, manteñen Pontevedra, e tamén están en todas as depuacións, "o BNG está en alza", asegura. "Creo que o futuro deste país depedende de forzas propias. Somos quen, cando nos deixan, de facer calquera cousa, e hai que ter confianza no país porque hai futuro", afirmou Fernández Lores.



 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/06/2019