CRTVG

Buscar

Fernández Albor, figura clave do galeguismo

Publicado o 12/07/2018 14:48

Con Xerardo Fernández Albor morre un dos referentes da autonomía galega, xa que se converteu, en 1982, no primeiro presidente da Xunta autonómica. O doutor compostelán chegaba ao poder encabezando as listas de Alianza Popular e unha moción de censura acabou por afastalo do cargo. Despois ocupou escano no Parlamento europeo e viviu con intensidade a reunificación alemá desde a Eurocámara. Este é o seu perfil biográfico.

O 7 de setembro de 1917 nacía Xerardo Fernández Albor en Santiago de Compostela, e el mesmo reflexionaba sobre as claves da súa lonxevidade: "Non enfadarse nunca, traballar, ser prudente e moderado en todo, servicial e cun certo sentido do humor". Desde moi novo tivo clara a súa vocación pola Medicina, pero tamén se chegou a formar como piloto de guerra en Alemaña, aínda que nunca entrou en combate. Os estudos de Medicina realizounos en Compostela, Viena, Londres, París e Lión.

Malia que foi cofundador do hospital A Rosaleda en Santiago e ocupou cargos na sanidade pública, a súa biografía non tería a relevancia actual se non encamiñara os seus pasos cara á política. Da man de Manuel Fraga encabezou as listas para as eleccións autonómicas de Galicia de outubro de 1981 cun lema que se fixo famoso: "Galegos coma ti". Gañou os comicios con 26 escanos fronte aos 24 da UCD e en xaneiro de 1982 tomaba posesión como primeiro presidente da autonomía galega. Os xornais da época referíanse a Albor como a un galeguista moderado, amigo de Ramón Piñeiro, co que integraba o colectivo Realidade Galega, e vinculado a diversos padroados culturais.

Ese primeiro executivo autonómico, no que Romay Beccaría ocupaba a vicepresidencia e Xosé Luís Barreiro a Consellería da Presidencia, estivo marcado pola necesidade de darlle un contido institucional pleno á autonomía e poñer en marcha o traspaso de competencias. Un dos asuntos que xerou máis polémica foi a designación de Santiago de Compostela como capital de Galicia.

Albor e Alianza Popular volven triunfar nos comicios autonómicos de 1985, ensanchando a súa base electoral; soben de 26 a 34 escanos. Pero o seu executivo non puido rematar a lexislatura, porque Xosé Luís Barreiro acabou propiciando unha moción de censura, que converteu a Fernando González Laxe en novo presidente da Xunta.

Lonxe de acabar aí a actividade política de Albor, adquire outra dimensión como eurodeputado na Parlamento Europeo durante dez anos. El mesmo recoñeceu que viviu unha etapa feliz como presidente da Comisión para a reunificación de Alemaña, pola que recibiu diversos recoñecementos. Entre os numerosos cargos ocupados, destaca o de presidente do Buró Político do Partido Popular Europeo. Foron anos de actividade internacional, que, como el mesmo dixo, lle serviron para reconciliarse coa vertente nobre da política.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/07/2018