CRTVG

Buscar

Ferido nunha trampa de arames no monte un motorista da Estrada

Publicado o 30/03/2019 15:06

Un motorista resultou ferido por un aramio atravesado nun monte de Silleda. Sufriu feridas no pescozo, nun brazo e hematomas por todo o corpo, aínda que as proteccións que levaba evitaron o peor.

O ferido, membro dun motoclub do concello pontevedrés da Estrada, sufriu o accidente hai seis semanas, pero denunciouno agora para concienciar a xente sobre como unha imprudencia pode ter graves consecuencias. O deportista ía coa súa moto de enduro por un camiño do Alto da Rocha, en Silleda, cando se atopou de súpeto cun dobre aramio de pugas, atrevesado nun camiño público, segundo denuncia. 

O motorista non o chegou a ver. Simplemente sentiu un golpe e foise ao chan cunha forte dor no pescozo e nun brazo. Pensou que o aramio se lle cravara, porque estaba sangrando, pero as proteccións que levaba e a propia moto impedírono. Aínda así non podía erguerse da dor e tivo que esperar ata que un familiar o localizou, xa que os equipos de emerxencia non daban atopado o lugar. Finalmente, trasladárono ao Hospital Clínico de Santiago onde lle apreciaron feridas no pescozo, luxación e fisuras nun brazo e hematomas por todo o corpo. 

A vítima cre que o cable atravesado estaba delimitando a saída do gando dunha leira. Non pensa en que houbese mala intención, pero esa imprudencia púidolle provocar un dano irreversible. Por iso pide unha maior responsabilidade no monte. O Seprona da Garda Civil está a investigar os feitos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí