CRTVG

Buscar

Ferido grave un mozo tras ser atropelado no centro de Santiago

Publicado o 31/08/2019 14:57

O que semellaba o final da noite entre un grupo de mozos case remata de mala maneira sobre as seis desta mañá en Santiago de Compostela. Por causas que se están a investigar, un varón de vinte un anos e domiciliado na Coruña acabou caendo no medio da rúa República Arxentina, xusto cando atravesaba a zona un coche que non puido evitar o atropelo.

Segundo José Antonio Gigirey, cabo dos Bombeiros de Santiago de Compostela, "el estaba debaixo da parte do motor, coa testa cara adentro, e o que se vían por fóra eran os pés. Estaba moi ensanguentado cando o sacamos", asegura.

A vítima, que quedou debaixo do coche, estaba consciente, pero queixábase de dor mentres os seus amigos tentaban tranquilizalo. No lugar presentáronse os servizos médicos, así como a Policía Local, a Policía Nacional e os Bombeiros de Santiago, que finalmente conseguiron liberar o mozo.

"Xa nos dixeron que o tentaron sacar co propio gato do vehículo, pero que non foron capaces de levantalo o suficiente. É unha manobra rápida, sinxela co noso separador hidráulico. O que facemos é meterlle as pinzas entre o chan e o coche, e cuns calzos ir acuñando mentres vas levantando, por se hai unha caída de súpeto, que non lle volva caer enriba. A persoa estaba consciente e en canto se viu que estaba liberada, el mismo arrastrouse cara fóra", comentan dende os bombeiros composteláns.

Unha vez liberado, o mozo foi trasladado en ambulancia ao Complexo Hospitalario de Santiago e a primeira valoración das súas feridas foi de gravidade. A Policía Local realizoulle as probas de alcolemia á condutora que deron negativo. Os seus coñecidos relataban como a muller asisitiu impotente a como o mozo caía diante do seu coche e como xa non tivo tempo para evitar o atropelo.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

31/08/2019

Máis sobre santiago de compostela