CRTVG

Buscar

Ferido grave un home de 34 anos nun accidente laboral en Ourense

Publicado o 20/03/2017 20:20

Traballaba xunto con outro obreiro na reforma deste piso sacando escombro cando por causas descoñecidas caeu polo balcón do primeiro andar

Continúa en estado grave o mozo de 34 anos que caeu dun primeiro piso cando estaba traballando. Sacaba entullo polo balcón e por causas que se descoñecen precipitouse ao chan levando un forte golpe na cabeza.

Foi ao redor da unha do mediodía neste céntrico edificio de Ourense. O mozo estaba quitando entullo polo balcón dun piso do primeiro andar que estaba reformando xunto con outro obreiro cando, segundo a Policía Nacional, se precipitou ao chan.

"O rapaz desequilibrouse, caeu ao chau, estaba sacando entullo e o entullo tamén lle caeu enriba, non sei se a beirarrúa rota é culpa do entullo, que tamén lle veu encima que tamén golpeou o chau ou se foi el co golpe".

O golpe que levou o traballador contra o chan foi tan grande que o escoitaron en locais comerciais que están a varios metros.

"Sentiuse o golpe, un golpe forte non sei se ao final o rapaz caeu de cabeza ou non, se caeu de costas e logo pegou coa cabeza no chan pero si que o golpe foi na cabeza, o grave". "Eu sentín un golpe e un tubo rodando e nada máis eu non vin nada, eu cando vin xa vin o señor no solo, estaba aquí traballando eu achegueime á porta pero nada máis". "Asomámonos porque iamos saír á rúa e foi cando vimos que pasaba algo pero xa non vimos nin sequera a ambulancia, xa o levaran, vimos cando estaban poñendo iso que nos pareceu que o estaban poñendo moi falso".

O obreiro, que ten 34 anos, foi atendido nun primeiro momento por persoal sanitario do centro de saúde Valle Inclán que está moi próximo, cando chegou a ambulancia medicalizada do 061 foi trasladado ao Complexo Hospitalario Universiatrio de Ourense. O seu estado é grave.

Inspección de Traballo investiga as circunstancias do accidente.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/03/2017