CRTVG

Buscar

Ferido grave nun incendio doméstico no centro de Marín

Publicado o 16/10/2019 14:04

O incendio tivo lugar onte contra as dúas da tarde no salón do segundo andar deste edificio situado no centro de Marín. Todo apunta a que o orixinou un curtocircuíto no deshumidificador situado onda un sofá. Ao decatarse do que pasaba o matrimonio tentou sufocalo e ao ver a fumareda un veciño avisou o 112. De inmediato chegou a patrulla da Policía Local.

Pablo Gómez Crespo, axente da Policía Local do Concello de Marín explica que os seus compañeiros "accederon á vivenda con máscaras antifume, pois os veciños alértanos de que dentro hai dúas persoas. Conseguen entrar con grandes dificultades e desaloxan as dúas persoas en medio dunha situación de visibilidade case nula. Unha vez fóra observan que unha delas, o home, ten queimaduras que lle afectan as pernas e a cabeza. Como puideron e cos medios de que dispoñían os dous policías conseguiron sufocar o conato de incendio que había no sofá da vivenda".

A muller contounos esta mañá que o seu marido permanece na UCI do hospital e que ten queimaduras de primeiro e segundo grao no xeonllo, na cabeza e nas mans. Tamén nos dixo que se salvaron grazas aos axentes da Local. Logo chegarían bombeiros de Cangas e de Pontevedra e tamén efectivos da Policía Nacional.

Gómer Crespo engade: "E vaia, felicitar os dous compañeiros que entraron no primeiro momento na vivenda, xa que segundo o informe dos bombeiros, grazas á súa intevención puido evitarse que o lume se propagase a todos os mobles do salón".

A vivenda permanece en ventilación, segundo a dona, cos restos do incendio no salón e coas paredes e teitos negros polo fume.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/10/2019