CRTVG

Buscar

Ferido de gravidade un cazador de Bóveda ao recibir un disparo de bala nunha batida

Publicado o 08/10/2018 14:18

Un veciño de Eimer, en Bóveda, recibiu un tiro de bala cando estaba a participar nunha batida de corzo. O suceso produciuse nun monte do Gruñedo, moi preto da súa casa. Un membro da súa propia cuadrilla de caza realizou o disparo, que se cre que rebotou nalgures, posiblemente nunha pedra, antes de impactar no peito da vítima. Como consecuencia do balazo, o cazador, de 41 anos, quedou ferido de gravidade. Así e todo, non chegou a perder a consciencia.

Nun primeiro momento, foi atendido no hospital comarcal de Monforte, de onde se decidiu o seu traslado en helicóptero ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. Unha vez no CHUAC, foi intervido cirurxicamente, e arestora está ingresado en planta con prognóstico estable.

A batida de caza fora organizada polo Tecor de Bóveda, cuxo presidente di estar consternado polo acontecido. Pola súa parte, a Garda Civil investiga agora as circunstancias do accidente.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/10/2018