CRTVG

Buscar

Ferida unha muller ao caer unha casa no Incio

Publicado o 23/05/2019 13:31

O lousado e parte das paredes desta casa de Noceda, no Incio, derrubáronse cunha muller de 81 anos no seu interior. A anciá, que estaba no baixo coidando das pitas, puido salvar a vida grazas a que os muros do primeiro andar caeron para aos lados do inmoble. Así e todo, quedou ferida nunha perna, polo que precisou asistencia médica.

Elvira Carnero, sobreviviu á derruba da casa: "Cando ía saír sentín un estrondo tremendo. Pensei que fora un trono, e empezou a caer terra para adiante e para atrás. Quixen saír para fóra e quedei presa nunha perna. Despois fun sacando uns cascotes e caín na conta da sorte que tiven".

A vítima do derrubamento sinala que non só ela salvou a vida. Di que puido haber unha desgraza, xa que polo camiño onde caeu un dos muros acababan de pasar varios nenos cando se produciu o suceso.

Elvira Carnero, sobreviviu á derruba da casa: "Acababan de pasar mesmo os pequenos, que saen da escola ás catro e soben por aí todos para ir xogar ao fútbol nun polideportivo. Se tardan un pouco, podía pescalos a todos, uns cinco ou seis que veñen xogar aí. Por iso digo que non a tiñamos alí".

Segundo os veciños de Noceda, a casa que se derrubou fora revisada había un ano e non se detectaran anomalías que fixeran perigar a estrutura do inmoble.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

23/05/2019