CRTVG

Buscar

A xuíza de Arzúa pide máis datos sobre os cans que atacaron a muller en Melide

Publicado o 02/09/2019 21:43

• Tomaralles tamén declaración ás persoas implicadas no suceso cando teña todos os documentos solicitados

• A muller ten feridas graves na cabeza

A xuíza de Arzúa que investiga o ataque de dous cans a unha anciá de Melide xa recibiu o atestado que levantou a Garda Civil; reclamou tamén a cartilla de vacinación e toda a documentación dos dous animais. Nos vindeiros días prevé tomarlle declaración ao dono e á muller que os paseaba no intre do ataque.

A vítima, unha muller de 88 anos de Melide, permanece ingresada na UCI do Hospital Provincial de Conxo, en Santiago. Atópase en estado crítico e o seu prognóstico é reservado, dada a gravidade das feridas que sufriu, sobre todo polas trabadas na cabeza.

A señora camiñaba preto do albergue de peregrinos desta localidade o domingo contra o mediodía cando foi atacada por dous cans de raza american stanford, considerados potencialmente perigosos. A muller que os paseaba foi incapaz de controlalos e botáronse á anciá de xeito moi violento. Segundo varias testemuñas, que mesmo interviñeron para intentar conter os animais, os cans tiñan correa, pero non levaban o bozo, obrigatorio para esta raza. Permanecen na canceira municipal á espera de que conclúa a investigación xudicial.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

02/09/2019