CRTVG

Buscar

Ferida grave tras chocar contra cun camión en Tomiño

Publicado o 22/11/2019 20:22

A tarde deste venres deixou varios feridos na rede viaria galega, un deles de consideración e outros dous resultaron afectados en diversos accidentes de tráfico. Unha veciña da Guarda tivo que ser excarcerada tras chocar o coche que conducía cun camión na estrada PO-552. O impacto co trailer foi tan brutal que o coche saiu despedido e acabou empotrado nunha farola. Na excarceración da vítima interviron o GES da Guarda e os bombeiros do Baixo Miño. Foi evacuada en ambulancia a un hospital de Vigo en estado grave. O tráfico no lugar do accidente estivo interrompido e producíronse retencións en ambos sentidos.

Doutra banda, os servizos de emerxencias tiveron que excarcerar unha muller despois de que dous turismos chocasen ao fío das 17,25 horas no municipio coruñés de Arzúa. En concreto, o accidente tivo lugar no punto quilométrico 56 da N-547. Os Bombeiros tiveron que trasladarse ata a localidade para auxiliar a muller ferida, excarcerala e trasladala a un centro hospitalario. Foi unha persoa particular a que alertou do sinistro ao 112 Galicia e, enseguida, os xestores do CIAE 112 Galicia pasaron o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Arzúa, á Garda Civil de Tráfico e a Protección Civil.

De volta á provincia de Pontevedra, os servizos de emerxencias tiveron que atender unha colisión múltiple na que se viron implicados seis vehículos en Mos, na A-55 á altura do quilómetro 16, en sentido a Vigo. O multitudinario choque saldouse cunha persoa ferida ás 15,20 horas. Pouco despois, o 112 Galicia pasou o aviso a Urxencias Sanitarias, aos Bombeiros do Baixo Miño, a Protección Civil de Mos, á Policía Local e á Garda Civil de Tráfico.

Durante esta tarde, tamén se rexistrou un último accidente sen feridos en Sandiás (Ourense), no que se viron implicados un camión que transportaba placas de plástico e dous turismos. Os primeiros indicios apuntan a que o camión perdeu parte da súa carga e os dous coches chocaron entre eles ao tentar esquivala. Ocorreu na A-52, concretamente no punto quilométrico 198, ao fío das 12,25 horas. Nese momento, unha persoa particular alertou do ocorrido ao 112 Galicia e os servizos de emerxencias desprazáronse á zona.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/11/2019