Os veciños de Fene e Neda, xa desconfinados, non poden ir a Ferrol nin a Narón
Os concellos de Neda e Fene están abertos desde esta fin de semana. Teñen liberdade de movemento. Os veciños, porén, non poden ir nin a Narón, nin a Ferrol, que continúan confinados individualmente.
As cifras avalan a situación. Narón, por exemplo, ten 104 casos activos, mentres Fene anda na ducia e Neda con menos de dez. É preciso evitar a transmisión, aínda que ocasione inconvenientes no día a día.
A Garda Civil vixía que os condutores non entren nin saian dos concellos pechados. Esta mañá estivemos nun control na ponte de Xubia, que enlaza Neda con Narón, e máis dun marchou cunha proposta de sanción por desprazarse sen xustificación.
A hostalería de Fene e Neda gañan espazo coa apertura dos concellos, pero tamén notan a perda de clientes de Ferrol e Narón. O sector chama á prudencia de todos para non ter que volver pechar.