CRTVG

Buscar

González e Rajoy discrepan na Toxa ante a gran coalición pero apoian pactos PSOE-PP

Publicado o 04/10/2019 21:44

Os ex-presidentes do Goberno Felipe González e Mariano Rajoy protagonizaron, por primeira vez, un diálogo público no que analizaron, no marco do I Foro A Toxa-Vínculo Atlántico sobre as democracias liberais, a situación política e económica de España.  

Moderados pola experta en dereito europeo Miriam González, os dous reivindicaron os logros do bipartidismo, do que González falou con nostalxia para lamentar o bloqueo actual. Un bloqueo para o que Rajoy lembrou a súa proposta de gran coalición.

A conta das etiquetas de esquerda e dereita, os ex-presidentes tiraron de ironía e lembraron o seu choque coa realidade.

O ex-presidente do goberno Mariano Rajoy avisou de que "non é posible" gobernar sen maioría e considerou necesario "un pacto" para catro anos" con "arranxo" ao que digan os españois en urnas nas próximas eleccións xerais do 10 de novembro.

"Non se pode gobernar se non tes maiorías, hai que facer un pacto para catro anos, que se pode facer con arranxo ao que digan os españois", asegurou nunha intervención na que subliñou que "pretender gobernar sen maioría, 120 ou 130 deputados, non é posible".

Neste sentido, Mariano Rajoy lembrou que tras as eleccións de 2015 el mesmo propuxo unha "gran coalición" aos socialistas e a Ciudadanos que seguise o "modelo de Europa" e que rompese o que, na súa opinión, é "unha tradición absurda entre os partidos que tantas cousas fixeron por España", en referencia ao PP e o PSOE.

Rajoy pronunciouse deste xeito durante o debate mantido no Foro A Toxa-Vínculo Atlántico co tamén ex-presidente Felipe González, quen volveu a subliñar que "os partidos que non teñen a posibilidade de formar goberno non poden impedir que se forme un goberno", "teñen que facilitar que se forme goberno".

Se é de maioría, mellor; e se non é de maioría, pódense pactar os temas fundamentais, que os temos dentro, na relación con Europa e nalgunhas reformas estruturais que están demasiado atrasadas, iso pódese pactar, aínda que non se estea no goberno", manifestou González.

"Facer pódense facer as cousas, esquecerse do sentimento tráxico da existencia para tentar saber que tan diferentes non somos", apuntou.

Sobre a corrupción, houbo unha crítica común á xudicialización da política e unha reivindicación da presunción de inocencia.

E sobre Cataluña, a receita dos dous ex-presidentes é legalidade e Constitución. O ex-presidente Felipe González considerou que a política tivo un "certo fracaso" ante a crise de Cataluña, pero o ex- xefe do Executivo Mariano Rajoy resaltou que precisamente a política foi a que aplicou o artigo 155 da Constitución nese territorio.

Os dous coincidiron en que os independentistas tiveron que construír un inimigo próximo como España, e Rajoy explicou que o argumento dos independentistas é un sentimento e, por tanto, é difícil a discusión entre sentimentos distintos.

Pero ante os que poidan opoñerse dixo que está a lei e considerou que a situación en Cataluña está a ir a mellor.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí