CRTVG

Buscar

Feijóo ve ilegal a lei contra a fraude que elimina as vantaxes fiscais das herdanzas en vida

Publicado o 26/05/2021 19:46

As herdanzas en vida constitúen unha figura propia do dereito civil galego que aforra moitos cartos e impostos aos cidadáns. Os galegos están a piques de perder parte das súas vantaxes fiscais por mor da aprobación no Congreso dos Deputados do proxecto de lei contra a fraude fiscal.

Aínda ten que ser ratificada polo Senado, pero se se aproba, así, sen cambios, esta lei eliminaría unha das vantaxes das herdanzas en vida. E é que se unha persoa herda unha propiedade e a ten que vender antes de que faleza a persoa que lla trasmitiu, terá que tributar polo incremento de valor desa propiedade. Iso ata o de agora non acontecía. O ano pasado realizáronse en Galicia 29.000 herdanzas en vida, unha cifra inferior a anos anteriores.

O presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo cualificou de "ilegal" o proxecto de lei contra a fraude fiscal que aprobou onte o Congreso porque "atenta" contra o autogoberno de Galicia e contra o dereito civil galego ao eliminar as vantaxes fiscais asociadas ás herdanzas en vida. Na conferencia de prensa tras o Consello da Xunta, mostrou a súa sorpresa porque supón establecer "unha presunción xeral de fraude" e é ademais "unha suba de impostos".

Reprochou que con esta "vulneración" do autogoberno de Galicia por parte do Goberno central xa "chove sobre mollado" e alertou de que "será unha lei ilegal, no caso de que se aprobe", porque atenta contra a normativa básica autonómica e supón unha presunción de fraude que non está acreditada "por ningún dato". "Enténdese que un pai ou unha nai que deixa un piso ou unha cantidade económica se ese piso ou cantidade se entrega ou se vende antes de que faleza o pai ou a nai é unha fraude, con todo se se vende o piso despois de que morra non hai fraude", apuntou Núñez Feijóo, e iso sorpréndeo porque "ninguén vende un piso porque lle guste senón porque o cre necesario".

Ademais, apuntou que uns 142.000 galegos recibiron en vida unha parte da súa herdanza e a nova normativa contra a fraude fiscal o que vai facer é prexudicar este grupo, "sobre todo xente nova", que agora vai ter que pagar impostos ao recibir unha herdanza en vida, o cal supón "castigar" a quen máis o necesita. "Lamento moito esta falta de respecto ao autogoberno e ao dereito civil galego", concluíu Núñez Feijóo, quen dixo que por parte do Executivo autonómico non o poden "aceptar". 

A lei prohibe os pagamentos en efectivo superiores aos 1.000 euros

A nova lei contra a fraude fiscal aprobada no Congreso prohibe os pagamentos en efectivo que sexan superiores aos mil euros cando unha das partes sexa un empresario ou profesional. Esta medida provocou xa o rexeitamento das principais asociacións do comercio. Din que tan só nas tendas de electrodomésticos máis dun terzo dos consumidores paga en efectivo, xa que moitas das tarxetas teñen un límite entre 300 e 600 euros. A isto hai que engadirlle as comisións que cobran os bancos polo uso das tarxetas.

Noticias web

26/05/2021