CRTVG

Buscar

Feijóo trata de lograr o aval dos partidos para convocar eleccións en xullo

Publicado o 14/05/2020 15:06

• O PSdeG considera "altamente irresponsable" chamar ás urnas agora

• Galicia en Común e o BNG rexeitan a convocatoria "mentres non haxa garantías"

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, citou para este xoves os partidos políticos para trataren a convocatoria electoral, despois do acordo de todas as forzas para cancelar os comicios do 5 de abril por causa da crise sanitaria do coronavirus. 

Así, o mandatario autonómico tratará de contar co aval político, xa que segundo o decreto que deu pé a suspender o proceso activado para o 5-A ten a obriga de escoitar as principais forzas políticas antes de volver convocar as eleccións, pero súa é a última palabra. Polo momento, a oposición rexeita este horizonte. 

Os informes dos expertos en que se apoiou Núñez Feijóo para decantarse pola celebración de eleccións canto antes apuntan a que despois do mes de xullo pode haber rebrotes de contaxios, derivados, entre outras cuestións, da mobilidade e da chegada de visitantes de fóra de Galicia. 

Por iso, e aínda que non acertan a asegurar a situación epidemiolóxica para o mes de xullo, sitúan na primeira quincena dese mes o momento idóneo para acudir ás urnas. En todo caso, piden medidas de seguridade que garantan tanto a campaña electoral coma o propio día das eleccións.

O encontro foi convocado para as 16:30 horas na mesma xornada en que o lehendakari, Iñigo Urkullu, convocou os partidos en Euskadi.

Este mércores, Feijóo apuntou que sería "bo" que coincidisen ambas as citas nas urnas, como ía ocorrer o 5 de abril. Se pasa, será a cuarta vez que galegos e vascos vaian da man para votar nunha convocatoria autonómica desde o ano 2009.  

Sobre a mesa en Galicia está o decreto de suspensión do 5-A, que apuntaba que non podería haber unha nova convocatoria mentres seguise o estado de alarma en España e a emerxencia sanitaria na comunidade, pero Feijóo deu por feito que o recente decreto impulsado polo Goberno -coa coñecida como emenda PNV incorporada- dá pé a que haxa comicios.

Este mércores resaltou que así o avala a Asesoría Xurídica da Xunta, que ve "prudente" e "correcto" ir "canto antes" ás urnas para evitar que "un rebrote" poña "en risco" o dereito a votar dos galegos.

Logo de coñecerse a convocatoria, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, sinalou que a intención de Feijóo de convocar as eleccións galegas en "pleno estado de alarma e en situación de emerxencia sanitaria" evidencia que "a súa principal preocupación ao longo de todas estas semanas foi sempre a cuestión electoral". "É altamente irresponsable", manifestou.

Pola súa banda, o portavoz de Galicia En Común-Anova Mareas, Antón Gómez-Reino, avanzou que a coalición de esquerdas explorará "todos os mecanismos legais do Estado de dereito" se finalmente o presidente autonómico convoca eleccións galegas para o mes de xullo, posto que, ao seu xuízo, "mentres non haxa garantías sanitarias e democráticas, é unha absoluta irresponsabilidade convocar un proceso electoral".

Mentres, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sostivo que segue pensando que "non hai garantías sanitarias nin democráticas" para convocar eleccións autonómicas e, en todo caso, advertiu de que o decreto asinado polo propio presidente Xunta o pasado 18 de marzo cinguía a posibilidade de convocalas a que estivese levantado o estado de alarma, polo que dubida da súa "legalidade". Pontón lamentou que Feijóo tiña que "escoller entre a saúde dos galegos ou eleccións, e escolleu o segundo".  

Ademais de Ciudadanos, cuxa portavoz en Galicia, Beatriz Pino, non se pronunciou este mércores pero está convidada á reunión, tamén acudirá En Marea, que se abre a que as eleccións se realicen en xullo, como suxeriu o presidente galego, coa condición de que se fagan "con seguridade" e con "garantías democráticas".