Feijóo, Touriño e Laxe reivindican o consenso dos 40 anos de autonomía
É unha das imaxes do día en Galicia. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, participou cos expresidentes Touriño e Laxe no aniversario dos corenta anos do Estatuto de Autonomía de Galicia. Cumpre 40 anos de vida sen que se albisque unha próxima reforma.
Son 40 anos de éxitos para os tres expresidentes, que segundo din obriga a buscar acordos como aqueles que o fixeron posible. Así o aseguraba Fernando González Laxe: "É un proceso que obriga, a día de hoxe a ter acordos, a provocar acordos, a manter lealdades institucionais recíprocas, e chegar a que as competencias, que son transversais, teñan un grao de asunción real, con mecanismos de vixilancia e control".
Para Emilio Pérez Touriño, sen o acordo de país para a transición e a constitución democrática nada disto sería posible, e hoxe aquela lealdade segue sendo imprescindible. "Lograr un pacto solvente, estable, que garanta a equidade e a igualdade de todos os territorios e cidadáns por unha parte, e a corresponsabilidade fiscal das comunidades. E todo iso desde unha perspectiva de lealdade federal que é inescusable", di Touriño.
Alberto Núñez Feijóo tamén mira a Constitución do 78 como núcleo de todo. "Eu son claramente partidario de poñer en valor o que se fixo. O que fixeron os que estiveron antes que nós que fixeron unha milagre, económica, política, democrática, de descentralización... Non existe, creo, en tan pouco tempo, un estado occidental con estas cotas de descentralización política e administrativa como a que ten España", asegurou Feijóo.