CRTVG

Buscar

Feijóo súmase á petición dun IVE reducido para o peixe

Publicado o 05/10/2021 15:20

O presidente da Xunta sumouse á petición do sector pesqueiro para que lles rebaixen o IVE, o imposto sobre o valor engadido. Feijóo fixo esta reclamación en Vigo, na inauguración de Conxemar, a Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados.

"O que é razoable sempre ao fin ten que imporse. Se hai produtos que incrementan o gasto sanitario non poden ter o mesmo IVE que os produtos que diminúen o gasto sanitario", dixo Feijóo, aliñándose así coa reclamación pública que fixo onte o presidente de Conxemar, Jose Luís Freire, quen solicitou en presenza da raíña Letizia e do ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas, un IVE hiperreducido do 4 % para o peixe.

"Estou convencido de que os países membros iremos convencendo aos poucos ás autoridades fiscais europeas de que non ten ningún sentido que se grave co mesmo imposto a produtos que comportan enfermidades cardiolóxicas, enfermidades neurodexenerativas, sobrepeso, obesidade mórbida, que a outros produtos que o que tentan é diminuír todos eses riscos sanitarios", engadiu o presidente da Xunta.

 

 

 

 

 

 

 

Noticias web

05/10/2021