Galicia acollerá vinte menores que xa se atopaban en Ceuta antes da crise
Galicia acollerá vinte menores non acompañados que se atopaban en centros de protección de Ceuta antes da crise migratoria dos últimos días. O Goberno acordou coas comunidades repartir 200 prazas de acollida para liberar espazo na cidade autónoma e poder atender as persoas acabadas de chegar.
A distribución baséase nos seguintes criterios: o 50 % polo impacto de cada comunidade na acollida de menores migrantes non acompañados, un 25 % en función da poboación e outro 25 % pola situación económica (12,5 % segundo renda per cápita e 12,5 % por taxa de paro).
O presidente da Xunta confirmou este xoves, na conferencia de prensa posterior ao Consello, a recepción do grupo de menores asignado polo Executivo central que precisan "aloxamento, coidado e tutela".
"Por razóns de xustiza social e humanitarias estamos a favor de acoller eses menores, sen ningunha dúbida", asegurou Alberto Núñez Feijóo, "somos un pobo solidario que durante décadas tivemos que emigrar", engadiu.
Así e todo, manifestou a súa discrepancia coa fórmula de reparto, baseada ao seu parecer en "criterios inventados", e con "algunhas consideracións" sobre a xestión da crise. Porén, quixo deixar claro que unha cousa é discrepar e outra "rachar a unidade".
Neste sentido, amosouse partidario de aprazar para máis adiante a análise da situación que, na súa opinión, parte dos "efectos chamada" realizados polo Goberno nos últimos anos. Tamén, o debate para "falar máis en serio" da distribución de menores non acompañados polo territorio, en base a uns criterios "que non se lle ocorren a unha ministra pola tarde", censurou.