O Supremo dálle a razón a Galicia, que recuperará uns 200 millóns do IVE de 2017
O Tribunal Supremo dálle a razón a Galicia na súa reclamación ao Goberno central para que lle pague a mensualidade do IVE do mes de decembro do ano 2017 e os xuros, do mesmo xeito que hai uns días fixera con Castela e León.
Galicia reclamáballe ao Goberno por esta cuestión 204 millóns de euros, aínda que a sentenza non establece unha cantidade, xa que o Alto Tribunal entende que "non quedou debidamente acreditado que sexa precisamente ese o importe que lle debe aboar", segundo o ditame da sala terceira do tribunal, que establece que a contía "se fixará en execución de sentenza".
"Como fixo na sentenza relativa a Castela e León, o alto tribunal resolve que o desequilibrio derivado da aplicación da metodoloxía instaurada polo Real Decreto 596/2016, do 2 de decembro, determinou a vulneración do dereito á autonomía financeira da Comunidade Autónoma", sinala o Supremo no seu auto.
Segundo incide o alto tribunal, é "notoria a disfunción" que se deriva do feito de que as entregas a conta se lle aboaran en doce mensualidades e, en cambio, na liquidación definitiva se atendera unicamente á recadación do IVE correspondente a once mensualidades, "derivándose diso un resultado anómalo".
"Excelente noticia"
O presidente da Xunta cualificou de "excelente noticia" a comunicación recibida este luns, a "agardada" tras o fallo a favor de Castela e León. Recalcou que a Xunta "tiña razón" e que "non ten sentido" que o IVE recadado na Comunidade, correspondente a ese mes de decembro de 2017, "non repercuta na facenda pública autonómica".
"Espero que o Goberno central aprenda que non se pode facer o que a un lle peta nin utilizar o diñeiro das comunidades autónomas para financiar decisións do Goberno central", asegurou.
"Recuperaremos arredor de 200 millóns de euros e isto será moi bo para a nosa economía nun momento de baixada da recadación por mor da pandemia. Ao final ben paga a pena defender o que un cre con argumentos os posicionamentos políticos. Aquí había argumentos e o Tribunal Supremo dalle a razón ao Goberno central e quítalla ao Goberno central", engadiu.
Alberto Núñez Feijóo lembrou que o "conxunto" de autonomías impulsaron esta reivindicación e apuntou que se expuxeron propostas de negociación ao Executivo que dirixe Pedro Sánchez, pero "todas foron rexeitadas", o que levou a "xudicializar" o proceso para que o Goberno central fixese fronte á súa "débeda".