CRTVG

Buscar

Feijóo volve reclamar os 370 millóns para infraestruturas sanitarias

Publicado o 05/02/2020 12:05

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, volveu a reclamar este mércores ao Goberno central os 370 millóns que debe a Galicia -200 do IVE e outros 170 millóns derivados do cumprimento das regras de estabilidade financeira- cos que se poderían "facer o hospital da Coruña" e "equipar e remodelar" os hospitais de Ferrol e Pontevedra.

Núñez Feijóo fixo esta reclamación na sesión de control do Parlamento, en que os partidos da oposición -PSdeG, Grupo Común da Esquerda e BNG- atacaron a política sanitaria da Xunta, días antes da manifestación que a Plataforma SOS Sanidade Pública convocou para o próximo 9 de febreiro en defensa da sanidade pública en Galicia.

Con todo, Núñez Feijóo dixo que se sente "orgulloso" da sanidade pública de Galicia e asegurou que o seu é o Goberno "que máis hospitais fixo na historia da autonomía" e co "gasto sanitario" máis elevado.

Con todo, os portavoces da oposición fixeron un chamamento á mobilización e consideraron que a crise sanitaria en Galicia levará miles de persoas a manifestarse a próxima fin de semana é a mostra "da fin" do PPdeG á fronte do Executivo galego.

Ademais, a sesión de control estivo marcada polo carácter preelectoral. 

O voceiro do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, mesmo chegou a pedirlle a Alberto Núñez Feijóo que fixe canto antes a data das eleccións autonómicas. O presidente da Xunta manifestou en ocasións anteriores a súa intención de esgotar a lexislatura, e os catro anos dos comicios anteriores non se cumpren ata o próximo 25 de setembro.

Á marxe do calendario electoral, Feijóo afeoulle ao BNG que fale en nome de todos os galegos, como antonte no Congreso nese manifesto contra a monarquía.

Feijóo cuestionou tamén a representatividade do nacionalismo na sociedade galega despois de que a voceira do BNG defendese o pacto que asinaron co PSOE de Pedro Sánchez.

O Grupo Común da Esquerda censurou as políticas agrarias da Xunta. Alberto Núñez Feijóo tirou de ironía e tildou os socios de Podemos de "urbanitas".