Feijóo rexeita unirse ao BNG para reclamar a xestión directa dos fondos europeos
O presidente da Xunta rexeita conformar a "fronte común" que lle propuxo hoxe a voceira do BNG no Parlamento de Galicia, Ana Pontón, para loitar pola xestión directa dos fondos europeos destinados á recuperación económica.
Tras reprocharlles aos nacionalistas que "o PSOE goberna con vostedes as institucións", Alberto Núñez Feijóo dixo, no pleno do Parlamento, que ese traballo en común que lle propuxo Pontón podería materializarse "se vostedes rachan co PSOE".
Pontón reclamou "romper con ese círculo vicioso da discriminación e o centralismo" que, ao seu entender, rexen na repartición dos fondos, "un marco inaceptable" contra o que suxeriu loitar "para conseguir a xestión directa".
Engadiu que "se permitimos que se impoña a centralización dos fondos, Galicia perderá" e lamentou que "non o imos conseguir se o Goberno galego se dedica a ser xestoría das multinacionais que cotizan no IBEX 35".
A líder da oposición detallou que a súa formación propón a potenciación do sector primario e da industria, a economía verde, a dixitalización das pemes o reforzo das políticas públicas de benestar como eixos estratéxicos da reactivación.
"Benvida", retrucoulle Feijóo, que asegurou que eses eixes "son liñas mestras do noso plan", propostas, insistiu, que "son coincidentes coas súas". Con todo, asegurou que a Xunta "non ten compromiso con ninguén", polo que instou os nacionalistas a rachar cos socialistas.
Xinecólogo de Verín
O presidente da Xunta acusou o voceiro do PSdeG no Parlamento, Gonzalo Caballero, de "torcer, manipular e mentir" por acusalo de facer unha "purga política" contra un xinecólogo do hospital de Verín que se mobilizou contra o peche do paridoiro deste centro.
Segundo Núñez Feijóo, "se vostede dixese a verdade, diría que hai unha denuncia dunha pediatra, esa denuncia trasládase á Inspección, Inspección inicia unha información reservada e o inspector ten que decidir se arquiva o expediente ou se o inicia".
Pola contra, o líder dos socialistas galegos asegurou que "hai un expediente" iniciado porque, segundo dixo, a pediatra seguiu "instrucións dos seus superiores". "Vostede é o responsable político desa purga", insistiu, ao que Feijóo lle reclamoul que "deixe de utilizar os profesionais" da sanidade.