CRTVG

Buscar

Feijóo rexeita "leccións" da oposición na loita contra a violencia machista

Publicado o 20/11/2019 15:51

No Parlamento de Galicia chegouse hoxe a importantes acordos para combater a violencia de xénero e sexual e avanzar na educación afectivo-sexual e na igualdade. Os grupos parlamentarios acordaron por unanimidade demandar á Xunta a elaboración dun plan estratéxico contra a trata con fins de explotación sexual, así como a introdución da educación afectivo-sexual nas escolas dende os tres anos ata a universidade.

Tamén demandaron ao Estado cambios lexislativos para que as violacións e as agresións sexuais sexan consideradas delitos públicos e para que busque un acordo internacional para reconsiderar o envío de deportistas a eventos que se celebren en países que vulneran os dereitos das mulleres. 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, rexeitou este mércores as "leccións" da oposición sobre loita contra a violencia machista e advertiu: "Seguirei traballando con vostedes ou sen vostedes pero leccións de como protexer as nosas mulleres, nais e fillas contra a violencia machista, ningunha". 

Núñez Feijóo replicou deste xeito durante a sesión de control no Parlamento galego á portavoz do BNG, Ana Pontón, que considerou que a Xunta non fai todo o suficiente na loita contra a violencia machista. 

"En nome da maioría das mulleres de Galicia non acepto ese tipo de formulacións da minoría parlamentaria", contestoulle Núñez Feijóo, que censurou a Pontón que intente politizar e instrumentalizar de modo partidista este problema. 

O presidente galego explicou todas as medidas que desenvolveu a Xunta na década que leva á fronte do Executivo autonómico e insistiu en criticar a postura da líder nacionalista. 

"Señor Núñez Feijóo, as mulleres non temos dono... Esa é unha parte do problema de por que hai violencia de xénero. As mulleres deste país falan por si mesmas e non o elixiron a vostede para falar por elas", contestoulle a dirixente nacionalista. 

Pontón asegurou que a violencia de xénero é "un problema político de primeira orde", xa que se non, indagou, "por que hai leis", e insistiu en que "o problema de fondo é a discriminación e a subordinación das mulleres".

Ademais, a portavoz do BNG pediulles a Núñez Feijóo e ao PP que deixen de "avalar" pactos coa "extrema dereita" de Vox, "antigalega" e "negacionista" da violencia machista, da que o PP e tamén Núñez Feijóo, dixo, son "cómplices" por non romper con eles.

"Como as mulleres son libres, nin o BNG nin ningún partido é dono das mulleres de Galicia", retrucoulle Núñez Feijóo, que engadiu: "E menos aínda cando vostede usa as mulleres vítimas para facer política da peor". 

Sobre as alusións a Vox, Núñez Feijóo asegurou descoñecer a que pactos se refería Pontón, xa que é un partido sen ningunha representación institucional en Galicia e, ademais, apuntou, "practicamente ten os mesmos votos que o BNG", dixo en alusión ás eleccións do 10-N.

A alusión do BNG a Vox e á súa relación co PP e con Núñez Feijóo non foi a única na sesión de control, xa que tanto Gonzalo Caballero (PSdeG) como Antón Sánchez (Grupo Común da Esquerda) exploraron esa vía. 

Deste xeito, Sánchez mostrou a "preocupación" do seu grupo polo feito de que o PP contribúa a "normalizar" o discurso da ultradereita, "unha anomalía entre as dereitas democráticas na Europa occidental", destacou.

Núñez Feijóo asegurou que rexeita as formulacións ultras e que non lle gustan "nin de extrema dereita nin de extrema esquerda (...) como Podemos e a súa miscelánea de socios". 

"Non me vai dar leccións de sentido de Estado quen propón destruír o estado", insistiu Núñez Feijóo, que tachou de "prochavista" o grupo de Sánchez e criticou o acordo entre PSOE e Podemos para gobernar. 

Ademais, comprometeuse a seguir traballando a favor das mulleres que sufran violencia machista ou "calquera tipo de discriminación", tamén salarial, xa que diso ía a pregunta de Sánchez, "sen formulacións ultra e sen pactos con ultras como vostedes". 

"Atacarnos para xustificar a súa complicidade coa ultradereita é bastante triste", replicou Sánchez. 

O líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, tamén esgrimiu o achegamento do PP a Vox, un partido co que Núñez Feijóo "xa ten un pacto" para despois das eleccións autonómicas do próximo ano, asegurou, xa que sabe que non haberá maiorías absolutas.

Ese acordo, insistiu, "supón un recorte ao autogoberno galego e aos dereitos das mulleres (...) aínda que vostede o esconda para logo dar o susto co pacto", afirmou Caballero, que dixo que comprende que a Núñez Feijóo non lle guste o seu papel como secretario xeral dos socialistas galegos. 

Núñez Feijóo mostrouse "encantado", en cambio, de que Caballero sexa o líder do PSdeG, "se é posible (durante) décadas", desexou, e cargou contra os "mitins" quincenais no Parlamento do líder dos socialistas galegos. 

Servizos públicos

Os dous encerelláronse en relación coa defensa dos servizos públicos e ante a crítica da "visión idílica de Galicia" e de recortes efectuada por Caballero, o presidente galego retrucou que "o maior recorte son os 700 millóns de euros que o Goberno socialista non lle quere pagar" a Galicia. 

Núñez Feijóo tamén censurou o "disparate" de pacto entre PSOE e Podemos e dixo que os socialistas renunciaron aos servizos sociais "para entregarllos a Podemos".

Ademais, non faltou a referencia á sentenza dos ERE pola que foron condenados boa parte dos principais dirixentes socialistas andaluces na Junta de Andalucía das últimas décadas. 

"Nós levamos once anos gobernando honradamente e hai algún partido que gobernou durante corenta anos (noutras comunidades) e agora sabemos como o fixo; hai unha gran diferenza", concluíu.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí