Feijóo rexeita a suba de impostos proposta polo Goberno
Hai que buscar fórmulas para solucionar os problemas de ingresos de Facenda, defende Feijóo, que se opón a que as comunidades que cumpren o déficit sexan obrigadas a subirlles os impostos aos cidadáns.
"Dende logo, Galicia, que se axusta aos seus ingresos, que non gasta máis que o que ten e que paga o que debe, non está en condicións de apoiar neste momento unha suba do imposto de sucesións e de patrimonio. Galicia está entre as comunidades cos impostos máis baixos e non queremos agora competir cos impostos máis altos".
O presidente da Xunta pídelle ao Goberno que se reúna coas comunidades para falar de impostos e tamén da xestión da pandemia tras o estado de alarma.
"Dado que o Goberno se nega a darnos ferramentas legais para poder xestionar a pandemia con seguridade xurídica, a solución menos mala é seguir prorrogando un mínimo de garantías para poder tomar decisións e que non cada comunidade autónoma tome decisións ou non dependendo das decisións xudiciais".