CRTVG

Buscar

Feijóo reclámalle á Facenda poder investir o superávit en sanidade e política sociais

Publicado o 13/03/2019 15:04

Galicia podería contar este ano con 300 millóns de euros extra de financiamento se o Goberno central acepta unha reclamación que lle fixo hai uns días o presidente da Xunta á ministra de Facenda.

O presidente da Xunta anunciou e mostrou no Parlamento a carta enviada á ministra de Facenda en que lle fai dúas reclamacións. A primeira, que lle condone a Galicia 170 millóns de euros polas liquidacións negativas dos dous últimos anos. A segunda, poder utilizar os 125 millóns de superávit do ano pasado para investilos en sanidade e políticas sociais.

Na sesión de control ao presidente, o voceiro de En Marea criticou a política industrial da Xunta, e pediu apoio para os traballadores de dúas sempresas: Poligal e Bosch. Feijóo asegura que tentan buscar unha saída xunto co comité de empresa. Pero tamén recordou que as posicións de En Marea puxeron en perigo 27.000 empregos.

O voceiro socialista cre que Feijóo garda silencio ante as ideas recentralizadoras do PP a nivel nacional. O presidente da Xunta recordou que Galicia foi a única comunidade que non visitou Pedro Sánchez como presidente do Goberno, algo que non fala do seu respecto polo noso autogoberno.

Tamén o BNG criticou as posturas recentralizadoras do PP nacional. Máis en concreto, a proposta de que o galego sexa un mérito, e non un requisito, para acceder ao emprego público. Feijóo asegura que cumprirá sempre co noso Estatuto e coa Lei de política lingüística, e que segundo as leis, o galego é requisito na docencia e mérito na sanidade.

 

Noticias web

13/03/2019