CRTVG

Buscar

Feijóo reclama un estatuto para as electrointensivas na xuntanza co novo presidente de Alcoa

Publicado o 02/09/2019 17:12

O presidente da Xunta acaba de reunirse en Santiago co novo presidente de Alcoa, Álvaro Dorado.  Alberto Núñez Feijóo insistiu na necesidade de que o Goberno central aprobe o estatuto das electrointensivas que prometeu para garantir o futuro de Alcoa e os empregos. O presidente dixo que a Xunta seguirá dándolles o máximo apoio aos traballadores e avanzou que esta mesma semana volverá reunirse co comité de empresa.

Os traballadores de Alcoa inician o calendario de mobilizacións

Os traballadores de Alcoa San Cibrao volverán saír á rúa ante a falta de movementos por parte do Goberno para aprobar un marco enerxético estable que garanta o futuro da que é a principal industria na provincia de Lugo.

A empresa mantén o seu plan de reducir a produción nun 10% co peche de 32 cubas da sección de electrólise, a de maior consumo de electricidade da factoría. A empresa cifra en 6 millóns de euros mensuais as perdas polo prezo da enerxía. Aínda que o plan en principio non afecta os postos de traballo, para os traballadores é só cuestión de tempo.

Xosé Paleo, presidente do comité de empresa: "Se non se soluciona e non temos un prezo para a electricidade a partir do 31 de decembro eu non quero pensar o que pode pasar aquí".

Os representantes dos traballadores tamén agardan nesta semana reunirse co presidente da Xunta. A semana pasada visitaban a factoría cargos públicos do Partido Popular e do Bloque Nacionalista Galego.

O conselleiro de Economía di que a solución para Alcoa pasa polo estatuto de consumidor electrointensivo, que ten que aprobar o Goberno central.

Noticias web

02/09/2019