CRTVG

Buscar

Feijóo pide a ampliación de Puerto Madryn, o máis usado pola frota galega na Arxentina

Publicado o 16/09/2019 21:20

O sector pesqueiro galego presente na Arxetina acaparou esta xornada da viaxe do presidente da Xunta ao país austral. Alberto Núñez Feijóo reuniuse con autoridades arxentinas para conseguir melloras de operatividade en Puerto Madryn. Nesta cidade da Patagonia está o porto máis empregado pola frota galega que opera no Cono Sur.

Alberto Núñez Feijóo reuniuse esta tarde co gobernador do estado patagónico de Chubut, o peronista Mariano Arcioni. Insistiu nese encontro o mandatario galego no carácter estratéxico para a economía local das pesqueiras galegas: están a xerar 5.000 empregos directos nos barcos e en terra. Pediulle ao gobernador a ampliación do porto pesqueiro de Puerto Madryn que está a quedar pequeno para a frota galega que, en cambio, paga taxas de desestiba cada vez máis caras. Outra das alternativas que se manexaron no encontro é a construción dun novo porto exterior en Rawson, a 75 quilómetros ao sueste de Puerto Madryn. Alberto Núñez Feijóo chegou a ofrecerlle a colaboración da Xunta de Galicia en materias como a formación ou a pesca sostible.

"A Arxentina é o segundo país en intereses económicos para Galicia despois de Namibia. Estamos xustamente na Patagonia acreditando, en primeiro lugar, que somos un pobo pescador; en segundo lugar que somos un pobo que crea postos de traballo na Arxentina e, en terceiro lugar, que nos interesa a pesca sostible, a ordenación dos recursos pesqueiros e tamén a mellora dos portos onde faenan as frotas galegas. É o caso destes 80 buques para os queremos garantir as manobra e tamén o abrigo da frota pesqueira galega".

A segunda xornada do presidente da Xunta na Patagonia arxentina foi despois da entrevista co gobernador. A primeira hora visitou as instalacións de transformación das galegas Estrella Patagónica e máis de Iberconsa. Alberto Núñez Feijóo baixou á cadea de procesamento e conxelación de lagostinos da filial de Pescapuerta e que está a ampliar as instalacións en Puerto Madryn. O presidente galego pasou tamén polas factorías de Iberconsa en Puerto Madryn e en Rawson. As pesqueiras capturan e procesan aquí lagostino, pescada negra e pota.

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/09/2019