CRTVG

Buscar

Feijóo pide repartición de fondos europeos obxectiva e só para proxectos viables

Publicado o 26/10/2020 11:47

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reclamou, este luns na Conferencia de Presidentes, que a repartición de fondos europeos do Plan de recuperación sexa con "criterios transparentes e obxectivos" e para proxectos "viables e de futuro".

Durante a súa intervención telemática neste encontro, explicou o traballo realizado ata o de agora por Galicia, que xa enviou ao Goberno central unha proposta de máis de 100 proxectos que suporía unha mobilización de máis de 9.400 millóns de euros, segundo explicaron fontes da Xunta.

Para a repartición dos fondos, Núñez Feijóo pediu non só criterios transparentes e obxectivos, senón que se deseñe un sistema que combine tres aspectos, como son a concorrencia competitiva, sen arbitrariedade, e que sexa para proxectos viables.

Tamén que se garanta unha recuperación "simétrica" das diferentes rexións europeas, para o que se deben de ter en conta aspectos como a demografía, a renda per cápita ou a dispersión da poboación, considerou.

Dos proxectos que optan aos fondos europeos para a recuperación tras a covid-19, o presidente galego destacou os vinculados á viscosa, pola especial importancia dos sectores da madeira e o téxtil en Galicia. Tamén o do impulso á economía circular, relacionado coa produción láctea e os residuos gandeiros.