CRTVG

Buscar

Feijóo pide renovar a valedora do pobo xunto co valedor adxunto

Publicado o 30/04/2019 19:37

Sesión de control ao presidente da Xunta no Parlamento. Feijóo aproveitou para felicitar o grupo socialista polos resultados electorais e pediu un goberno estable en Madrid que cumpra con Galicia.

Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia: "Espero que a partir de agora haxa un Goberno estable en España e haxa un Goberno que respecte os intereses lexítimos dos galegos, que son os intereses que vimos pedindo dende hai moito tempo e que lamentablemente nos últimos meses non foron atendidos. Galicia é e será sempre unha comunidade autónoma responsable e leal co Goberno, co Goberno que estea".

CRTVG

Os socialistas querían preguntar pola política de vivenda pública, pero o debate derivou nunha pequena brincadeira entre Fernández Leiceaga e o presidente da Xunta. A nacionalista Ana Pontón acusou o presidente da Xunta de utilizar os medios públicos como instrumento de propaganda. Mesmo lamentou que nesta campaña non houbese debate electoral televisado dos principais líderes galegos. Feijóo explicou que o plan de cobertura da CRTVG foi aprobado pola Xunta Electoral. Ademais, recordou que o bipartito recibiu 12 condenas por manipulación informativa no 2009.

Valedora

O presidente da Xunta está a favor de renovar a institución da Valedora do Pobo, pero non só a súa titular, senón tamén o valedor adxunto, nomeado a proposta do PSOE. Foi a resposta a Luís Villares, voceiro de En Marea, que volveu pedir o cesamento de Milagros Otero logo dunha condena por desvío de poder na adxudicación dunha praza de persoal.

Noticias web

30/04/2019