CRTVG

Buscar

Feijóo pide ao Goberno central máis material sanitario e que continúen as probas do coronavirus

Publicado o 17/03/2020 18:01
  • En Galicia, ascenden a 305 os casos de persoas contaxiadas polo coronavirus; entre elas, 11 están na UCI e 59, hospitalizadas

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pediu por carta ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, o envío "prioritario" de material sanitario e de protección para seguir combatendo a pandemia do coronavirus. Tamén solicitou que se sigan realizando probas a domicilio, xa que o contrario podería supoñer "problemas".

Tras manter unha nova reunión por videoconferencia cos líderes dos principais partidos galegos, Núñez Feijóo explicou en conferencia de prensa, tamén telemática, que Galicia ten material neste momento, pero a curto prazo podería quedar sen el e nese caso non podería seguir realizando probas nin protexendo adecuadamente o persoal.

Dixo que comprende a situación de "tensión máxima" a que está sometido o Goberno, ao cal lle reiterou o seu apoio, e pediu que este recordatorio non se interprete como unha crítica.

O presidente galego incidiu en que en Galicia hai, ata o momento, 305 casos de persoas contaxiadas polo coronavirus, 11 das cales están na UCI e 59 hospitalizadas; mentres que o resto seguen a súa evolución nos seus domicilios.

Na súa carta, ademais, Núñez Feijóo insiste na necesidade de que continúe o confinamento nas casas para evitar o avance dos contaxios. Tamén insistiu en que "o risco (de non facer probas) é o contaxio", polo que cominou as persoas que teñan síntomas a illarse e a poñerse en contacto cos servizos de saúde.

En canto á demanda de material ao Goberno, Feijóo explicou que é a súa "primeira preocupación", tras lograr reducir o número de contaxios, e sinalou que desde o Ministerio de Sanidade comentáronlle onte ao conselleiro que este martes chegarían subministracións.

"Comprendemos todas as dificultades do ministerio, non é fácil o seu papel, pero tomou a decisión de centralizar o material, tecnicamente correcta, pero ten que fluír e de momento non estamos a ser fornecidos", dixo.

Tamén reclamou coñecer os datos de evolución da enfermidade noutras comunidades autónomas e as previsións do Goberno de tal modo que os profesionais galegos poidan afinar a curva na nosa comunidade e prever a semana de maior impacto con máis acerto.

Núñez Feijóo reiterou algunhas das medidas que trasladou onte ao Goberno, das cales aínda non obtivo resposta, que serán analizadas nunha próxima reunión do Centro de Coordinación Operativo (CECOP), entre as que insistiu na falta de material.

"Non quero que nada disto se entenda como unha crítica. Estamos todos nunha situación de máxima tensión e actividade e seguimos estando á orde do presidente do Goberno e dos ministros delegados; quéroo ratificar e reiterar", manifestou.

Ademais, o presidente galego mostrou o seu apoio ao peche de fronteiras terrestres, como a que Galicia comparte con Portugal, aínda que considerou que sería "coherente" adoptar decisións similares en portos e aeroportos, e tamén extremar os controis con quen chegue por esas vías.

O presidente da Xunta pediu tamén desculpas polos inconvenientes que está a causar na vida cotiá dos cidadáns o confinamento e avanzou que desde hoxe o número 900 400 116, habilitado pola Xunta para información sobre o COVID-19, queda reforzado con "case un centenar" de operadores, polo cal confía en que funcione con "máis celeridade".

Tamén mencionou que a Xunta está a poñer en marcha un plan de continxencia para usuarios de centros de día públicos, para coñecer as súas necesidades de comida ou de medicamentos, entre outras.