CRTVG

Buscar

Feijóo ofrece "préstamos inmediatos" ás empresas afectadas polo incendio no Ceao, que "puido desaparecer"

Publicado o 12/04/2021 20:28

• Os bombeiros tratan de evitar que se reactive o incendio que arrasou tres naves e deixou afectadas outras tres | Cifran os danos ocasionados polas lapas en máis de 12 millóns 

Polo menos outra noite de traballo teñen por diante os bombeiros para arrefriar as naves que arrrasou o lume, que comezou nunha empresa de pinturas e alcanzou outras de rodas e materiais do automóbil. Parece que a orixe está nun curtocurcuito, pero haberá que agardar a que remate a investigación para sabelo.

Alberto Núñez Feijóo agracedeceu o traballo dos profesionais, que mesmo arriscaron a súa vida para controlar as lapas, e ofreceu o apoio da Xunta aos donos das empresas, que prevén uns danos de mais de doce millóns de euros.

O presidente da Xunta ofreceu "capital e préstamos inmediatos", ademais de asesoramento en materia de seguros, ás empresas afectadas polo incendio no polígono do Ceao, en Lugo, que "puido desaparecer" de non ser polo cambio de dirección do vento. "Puido custar moitas vidas, destruír moitas empresas e levar moitísimas familias definitivamente a quedaren sen traballos e moitísimos empresarios a quedaren sen empresa", constatou Núñez Feijóo in situ comprobando o impacto do lume.

Así, sinalou que "non foi pouco" o que ocasionaron as lapas pero, a diferenza "do que puido ser", cualificou os resultados de "moi razoables e moi óptimos". Por iso, agradeceu o seu traballo aos bombeiros de Lugo, aos efectivos que acudiron doutras localidades, á Axencia de Emerxencias de Galicia e a operarios que "nalgúns casos puxeron en risco as súas vidas", posto que "non foi fácil" tratar de evitar que se propagasen as chamas.

Preto da nave de El Progreso e por tanto "a uns metros de todos os rolos de papel e tinta", do mesmo xeito que próximos a unha gasolineira, o presidente galego recoñeceu que o Goberno galego temeu "o peor" ao ter coñecemento dos feitos. No entanto, valorou que "no momento clave cambiou o vento e fixo que se salvasen estas naves". "Se seguise como se iniciou, probablemente estabamos nun polígono abatido", advertiu.

Deste xeito, celebrou que "segue sendo o pulmón de Lugo e vai seguir séndoo", a pesar de que dúas empresas, sobre todo, son as "máis afectadas" polo incendio. Aos seus responsables agradeceulles "a súa enteireza e disposición para seguir adiante". E foi neste punto no que ofreceu "desde este instante" a disposición da Xunta, e indicou que son "basicamente dúas" compañías as que teñen "afectacións, algunhas moi importantes e outras parciais".

"A disposición tanto para asesorar en materia de seguros como para garantir circulante e préstamos inmediatos mentres non se executen as pólizas para poder reiniciar a actividade e, por que non se así o consideran, mesmo para poder modernizar as súas instalacións", resaltou Feijóo. Para iso pediu ao vicepresidente segundo Francisco Conde "que estea en contacto coas empresas", para "trasladar que por circulante, capital, tesouraría e préstamos inmediatos non vai quedar".

Neste contexto, avogou por "loitar" e conseguir "unhas indemnizacións de acordo cos danos". Á policía científica corresponde "saber cal é a causa do lume", segundo engadiu. Tamén con agradecemento á alcaldía, lamentou que os danos son "moi cuantiosos, moi intensos", pois "estase falando de millóns de euros, pero limitados a dúas grandes empresas, as que iniciaron este polígono, algunhas con moitas naves no polígono".

Como non houbo "ningunha desgraza persoal", por último, avogou por "resolver este asunto coa xustiza das compañías aseguradoras e a determinación dos cadros e os propietarios e a colaboración da Xunta no que poida ser útil". Foi unha "desgraza contida" e "limitada", xa que "puido desaparecer o polígono do Ceao". "O vento era forte" e a pesar dos "miles de metros cúbicos de auga" utilizados, o incendio "aínda non está apagado", segundo relatou o titular do Executivo autonómico, quen chamou a atención sobre que ardeu material de pintura e pneumáticos, entre outros elementos.

Noticias web

12/04/2021