CRTVG

Buscar

Feijóo: "Non procede tratar a pandemia con ameazas, senón con rigor e diálogo"

Publicado o 04/06/2021 11:18

O presidente da Xunta criticou este venres o carácter obrigatorio do acordo adoptado polo Consello Interterritorial de Saúde e remarcou que "non procede tratar a pandemia con ameazas".

En declaracións aos medios nun acto en Santiago, Alberto Núñez Feijóo contestou deste xeito ás advertencias da ministra de Sanidade, Carolina Darias. Este venres, asegurou que fará cumprir o protocolo de restricións aprobado, malia a "pugna partidaria" en que enmarcou a rebelión dalgunhas comunidades autónomas.

A xuízo do presidente galego, contrario á decisión do Consello Interterritorial, "non procede tratar a pandemia con ameazas. Procede tratar a pandemia con rigor, con diálogo e con razóns". Na súa opinión, "ese tipo de ameazas" por parte do Goberno "son impropias nun estado descentralizado, con servizos de saúde e con competencias en saúde pública".

Ademais, aclarou que o rexeitamento ao protocolo estatal baséase en cuestións epidemiolóxicas. Neste sentido, explicou que o texto nin sequera foi analizado polo comité clínico que asesora a Xunta na pandemia porque antes da xuntanza do Consello Interterritorial "nin sequera sabiamos que ía ser obrigatorio", queixouse.

Pide "volver negociar"

En calquera caso, defendeu que o Executivo galego non estea de acordo con impoñer "horarios máis restritivos" para as terrazas que para o interior dos locais de lecer nocturno, nin tampouco con que a vixencia do protocolo se estenda ata que a poboación estea inmunizada, xa que o ideal é poder "tomarlle a temperatura á pandemia".

Considera que o lóxico sería analizar o protocolo cada "quince días", porque é ese o prazo co que se miden os períodos epidemiolóxicos e porque "non ten ningún sentido" que as restricións aplicadas o 10 de xuño sexan as mesmas que a finais de agosto, cando avanza o proceso de inmunización.

Tampouco está de acordo coa proposta para o ámbito educativo, continuou, porque o Goberno galego prefire "vacinar antes do inicio do curso escolar".

Por todo iso, o xefe do Executivo autonómico pediu volver negociar para revisar o texto acordado esta semana, xa que o actual é "tecnicamente moi mellorable" e, ademais, adoptado sen consenso porque só recibiu o apoio das "comunidades do PSOE".

"Isto é o contrario da cogobernanza, é a imposición unilateral ás comunidades que levamos xestionando un ano a pandemia", rematou o presidente da Xunta.

Noticias web

04/06/2021