CRTVG

Buscar

Feijóo, partidario de "peches e aperturas progresivas" antes que o confinamento na casa

Publicado o 11/11/2020 20:56

• O presidente da Xunta anuncia un método de autodeclaración de contactos e cifra en 700 os rastrexadores

• BNG e PSdeG critican a "improvisación" da Xunta e piden comparecencias periódicas de Feijóo

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, dixo hoxe no pleno do Parlamento autonómico que non pode asegurar que non haberá confinamento, aínda que o Goberno galego traballará para evitalo. Nese sentido, Feijóo engadiu que "a única opción" ata que haxa vacina son "peches e aperturas progresivas".

Na súa comparecencia no pleno, a pedimento do BNG, confiou en que de continuar "a tendencia á baixa" dos últimos días, ao longo do mes de decembro poderán "levantarse algunhas das restricións".  Así, destacou que Galicia ten motivos para a "esperanza", tanto polas máis de 30.000 persoas curadas como pola "comparación" con outras comunidades.

"Autodeclaración"

Ademais, anunciou un "sistema de  autodeclaración" por Internet para que as persoas que cren que poden ter relación cun positivo introduzan os seus datos e se poida contactar con elas desde a central de seguimento de contactos.

Núñez Feijóo advertiu de que o virus "non entende de loitas partidistas e estratexias interesadas" e criticou os responsanbles políticos que "queren xogar á confusión". Ademais, reprochoulle ao Goberno central a súa xestión "incomprensible e inxustificable" da covid−19 nesta segunda onda, unha actitude que o "sorprende, entristece e preocupa".

"Que dirían vostedes se a Xunta delegase nos concellos a xestión da pandemia e se desentendese?", preguntou Núñez Feijóo, que cuestionou que faría o Goberno central se unha comunidade autónoma non aceptase a delegación de competencias.

As medidas de peches parciais adoptadas pola Xunta están dando resultado, asegurou o presidente da Xunta. É un motivo de esperanza e tamén de agradecemento por parte de Núñez Feijóo á responsabilidade da maioría dos galegos. Pide seguir mantendo esa actitude. E comprométese a seguir adoptando medidas e dando explicacións.

Non se confía polos datos dos últimos días. Nas residencias de maiores faranse máis probas. E tamén na Atención Primaria. Todas as medidas estarán ditadas polo comité clínico. E as restricións serán parciais, atendendo á evolución da pandemia, asegurou Feijóo.

Para a hostalería haberá axudas a fondo perdido para establecer terrazas. E para varios sectores, créditos brandos. Pero di Feijóo que a Xunta non pode facelo todo, precisa dun Gobenro central que ve dedicado a combater a pandemia.

Núñez Feijóo fixo dúas peticións concretas a Pedro Sánchez: que rebaixe ou elimine o IVE das máscaras e que manteña os ERTE o tempo necesario.

Setecentos rastrexadores

O presidente revelou que 700 persoas realizan un seguimento de forma directa como rastrexadores, á marxe dos máis de 5.600 profesionais sanitarios en Atención Primaria, aos que tamén sumou outros traballadores da sanidade pública como servizos de Medicina Preventiva.   "Temos xefaturas territoriais, servizos de medicamento preventivo, persoal de rastrexo militar, centro de seguimento de contactos; máis de 700 persoas", manifestou o mandatario autonómico, no marco dunha comparecencia en que o número de rastrexadores foi un dos principais focos de enfrontamento.  

É máis, a polémica sobre o número de rastrexadores foi obxecto de debate en varias ocasións na Cámara, en que a oposición preguntou por esta cifra. O propio conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, rexeitou aclarar a cifra e chegou mesmo a pedir unha definición de que se entendía por rastreador para poder concretar un número.