Feijóo non descarta medidas máis duras nos próximos días para frear a pandemia
• O presidente da Xunta ve "irresponsable" que o Goberno non deixe ampliar o toque de queda
O presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo dixo este xoves que o seu Goberno non descarta a aplicación de medidas máis restritivas nas próximas datas, á vista da evolución da pandemia.
O presidente da Xunta ten o convencemento de que a terceira vaga vai ser superior á primeira en presión sobre os hospitais e as UCI. pic.twitter.com/S0gsbfwvuT
— G24 (@G24Noticias) January 21, 2021
Feijóo non dubidou en cualificar como mala a situación e vaticinou que en canto ás hospitalizacións, tanto en planta como nas UCI, a situación empeorará nas próximas datas e superará a da primeira vaga.
Feijóo ve "irresponsable" que o Goberno non deixe ampliar o toque de queda
Feijóo tachou de "irresponsable" o Goberno polo "erro" de non deixarlles ás comunidades autónomas ampliar o toque de queda, unha decisión pola que xa se están "pagando as consecuencias", dixo.
O presidente da Xunta, ao respecto da negativa do Goberno a ampliar o toque de queda, mostrou a súa "sorpresa e frustración" e lamentou que o Executivo "impida —ás autonomías— usar as ferramentas necesarias para loitar contra a pandemia".
"É un erro, desde o punto de vista da nación e do Sistema Nacional de Saúde, e estamos a pagar as consecuencias da falta de rigor do Goberno; non pola xestión da pandemia, que diso xa dimitiron, senón por non confiar nas autoridades delegadas (as comunidades), xa que temos as responsabilidades porque o Goberno se declarou irresponsable", incidiu.