Feijóo, na Toxa: "Os peores inimigos de España son os que atacan o modelo autonómico"
EFE
O presidente da Xunta de Galicia Alberto Núñez Feijóo asegurou este xoves que os "peores inimigos" de España son os que atacan o modelo autonómico: "Por diciren que temos demasiada autonomía ou que temos moi pouca". "A virtude está nos que pensamos que é un gran modelo que quedou acreditado nos últimos 40 anos", sinalou Núñez Feijóo na súa intervención na mesa redonda sobre o financiamento das autonomías organizada no marco do terceiro Foro Vínculo Atlántico, que se está celebrando no Grove.
Acompañado polos seus homólogos en Valencia, Castela e León e Castela A Mancha, o presidente galego afirmou que o financiamento autonómico debe ser tratado como un "asunto de Estado", aínda que recoñeceu que este non é un tema "pacífico". Celebrou que o Foro da Toxa reunise dous presidentes do PSOE e outros dous do PP para conversar de maneira "tranquila e sosegada" sobre un aspecto que cualificou como "fundamental" para a autonomía das comunidades. "Hai moito ruído e demasiada crispación", engadiu Alberto Núñez Feijóo, que censurou que haxa "moitos" que teñan como obxectivo "non acordar nada" para poder "desprestixiar" as comunidades autónomas.
O 50 % do gasto público do país corresponde ás comunidades autónomas, e Feijóo subliñou que "sen un bo financiamento" os cidadáns "non terán bos servizos", xa que na súa maioría dependen dos respectivos gobernos rexionais. "Non é un problema político, é un problema de persoas", reiterou o titular da Xunta de Galicia, que considera que este modelo de financiamento "non afecta os territorios" senón a como se custean uns servizos públicos "similares en calidade" en toda España.
Ademais, Feijóo describiu como unha "enorme irresponsabilidade" que as Cortes adopten decisións en forma de leis que supoñan un compromiso de gasto para as comunidades "sen que haxa memoria económica e sen transferencias adecuadas". O titular do goberno galego reclamou "ser serios" neste aspecto e criticou que actualmente os fondos europeos de reconstrución xeren gasto corrente ás comunidades, algo que considera que "é un disparate", porque se consolida ano tras ano.
Con respecto a Cataluña, o dirixente do PP sinalou que "non é razoable nin xusto" que se divulgue que o actual sistema "prexudica" esta comunidade "cando non é certo" e expresou o seu "temor" a que o Goberno estea a pactar "ás agachadas" un novo modelo. A pandemia da covid−19, por outra banda, foi un "exemplo", segundo Núñez Feijóo, de que as comunidades demostraron a súa "responsabilidade" durante momentos de "tensión máxima".
Destacou que as autonomías quedaron "practicamente soas" ante sectores afectados, a limitación de dereitos e liberdades ou a falta de medicamentos, vacinas ou máscaras. Así, o presidente galego quixo poñer en valor o papel "de Estado" que desenvolveron as comunidades autónomas durante a pandemia, co obxectivo de "controlar o virus, desactivar disputas e dar estabilidade sanitaria e económica á poboación".
Pola súa parte, o presidente de Castela-A Mancha Emiliano García-Page avogou por que o novo modelo de financiamento autonómico veña aparellado de "criterios estables que se revisen automaticamente" conforme a distintas variables que permitan a súa modulación á marxe de "debates ou compadreo político". Page considerou que nos últimos anos "cambiou moito" o que lle toca xestionar a cada administración, e agora o obxectivo é aclarar "canto ten que xestionar o Estado e canto ten que ceder".
As autonomías "xestionan o 90 % do que lle preocupa á xente" e asumen competencias como sanidade, educación e servizos sociais, "expansivas e elásticas". Abondou en que hai algunhas competencias autonómicas que se basean "en leis que establecen dereitos", como é o caso das axudas á dependencia, respecto das cales Castela-A Mancha ten unha débeda do Estado de 500 millóns de euros. "E son dereitos que me poden reclamar a min ante os tribunais", avisou.
Na súa opinión, hai varios niveis de competencias nas comunidades autónomas, e os de primeira orde son os que hai que coidar. Tamén hai, dixo, "competencias secundarias", e despois "caprichos". "O que queira pagar oficinas polo mundo que o faga, pero iso non depende de Ceuta, nin de Melilla nin de Castela-A Mancha".