CRTVG

Buscar

Feijóo "razoablemente" satisfeito, aínda que non sexa o resultado buscado

Publicado o 27/05/2019 17:39

Alberto Núñez Feijóo dixo que están razoablemente satisfeitos, aínda que esperaban resultados mellores, e apunta que os volveu penalizar a división do voto do centro e dereita.

Felicitou o PSdeG e afirmou que, malia que non será doado poder gobernar nas cidades nas que os populares quedaron de primeira forza, non lles poden quitar as victorias da Coruña, Ferrol e Lugo. Destacou que o PPdeG segue a ser o partido maioritario na comunidade e que, despois de dúas eleccións, toca volver á normalidade.

O presidente da Xunta e líder do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou esta noite que está "razoablemente satisfeito" co resultado das eleccións municipais en Galicia, onde foi primeira forza por apenas medio punto sobre o PSdeG, aínda que recoñeceu que "non son os que buscaba". Nunha comparecencia breve ante os medios, Núñez Feijóo incidiu en que o seu partido gañou "en tres" das sete principais cidades galegas, nunha delas a escasos votos da maioría absoluta (Ferrol) e logrou gañar en "o 56 % dos concellos galegos".

Núñez Feijóo destacou que o PP galego logrou un 33 % dos votos, "once puntos máis" ca o partido no conxunto de España, e pediu "normalidade e acougo" para facer as reflexións oportunas no partido.

Sobre a presidencia de Pablo Casado, en calquera caso, dixo que "está decidida desde hai un ano", cando foi elixido e indicou que corresponde ao Comité Executivo, que se reúne mañá, e ao propio Casado facer as valoracións dos resultados e "despois coñecer as voces dos presidentes autonómicos".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí