CRTVG

Buscar

Feijóo reclama máis vacinas e un criterio común sobre o certificado covid

Publicado o 30/07/2021 11:37

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, queixouse de que hai en España "un trato cada vez máis asimétrico""Espero que esta reunión informal sirva, polo menos, para que nos escoitemos e para que o presidente (Pedro Sánchez) nos escoite", dixo Núñez Feijóo.  

Á entrada na XXIV Conferencia de Presidentes, en Salamanca, volveu a lamentar que esta cita, entre o presidente do Goberno e os líderes autonómicos, salvo de Cataluña, "non" se pode considerar como tal unha Conferencia de Presidentes porque non se axusta ao regulamento que establece un cumio así. Feijóo rebaixou o encontro a "unha reunión informal", á que tamén asiste o Rei.

Xa durante a súa quenda de intervención, durante o plenario da conferencia, a porta pechada, Feijóo, reclamou ao Goberno "unidade" para afrontar a crise sanitaria e dixo que para iso necesítase contar con "máis vacinas" e criterios homoxéneos para a utilización do certificado covid.

Feijóo expuxo "dez posibles acordos" que se centran na "unidade": "Ante a crise sanitaria, para a reactivación económica e ante o reto demográfico".

O presidente da Xunta valora o anuncio realizado polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, sobre a chegada en agosto de 3,4 millóns de vacinas de Pfizer que permitirá anticipar a ese mes o obxectivo de ter administrada a pauta completa ao 70 % da poboación española, malia que matizou que aínda son "insuficientes".

O presidente da Xunta tamén pediu reconsiderar o uso da vacina de Janssen para menores de 40 anos. Expuxo ademais a necesidade de contar canto antes cunha estratexia nacional de vacinación para os próximos meses, con cuestións como a posibilidade dunha terceira dose ou a inmunización dos menores.

Feijóo avogou por buscar unha postura común respecto diso da utilidade dos certificados de vacinación e, concretamente, reclamou unha "aplicación para garantir un uso seguro, útil e eficaz do certificado" covid.

Durante a súa intervención, o presidente galego tamén instou ao Goberno para garantir que as comunidades autónomas xestionen o 50 por cento dos fondos do Mecanismo para a recuperación e resiliencia e remarcou que na repartición destes fondos debe ser "imprescindible blindar a coordinación, a transparencia e a obxectividade" para que ningunha comunidade saia prexudicada.

Finalmente, o presidente da Xunta tamén demandou retomar o diálogo entre Goberno e as autonomías para aprobar, "con axilidade e consenso, a Estratexia nacional fronte ao reto demográfico".

Noticias web

30/07/2021