CRTVG

Buscar

Feijóo insta os galegos a participaren nos cribados de detección da covid-19

Publicado o 01/02/2021 21:01

O presidente da Xunta insta a todos os galegos a participaren nos cribados de detección da covid−19 para protexeren as persoas próximas e parar o incremento de novos contaxios.

"Hai un dato positivo, de momento só un, que é o número de novos contaxiados; por primeira vez dende hai dez días baixamos de mil o pasado domingo, despois de facer máis de 20.000 PCR, máis de 20.000 probas diagnósticas", di Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia.

Por mor dese único dato positivo, o presidente da Xunta insta os galegos a participaren nos cribados masivos, sempre que os chamen.

"Toda a despregadura que está a facer o Servizo Galego de Saúde de cribados masivos nas áreas sanitarias... É moi importante que os cidadáns acudan para concretar, no seu caso, os contaxiados e poñelos en corentena para que non contaxien nin as súas familias nin os seus compañeiros e amigos", afirma Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia.

Recalca Alberto Núñez Feijóo que o SERGAS non pon máis vacinas contra a COVID−19 porque non recibe máis doses; secasí, espera poder empezar a vacinación dos maiores de 80 anos a mediados deste mes de febreiro.

"Entendo que se producirá a mediados de febreiro; empezaremos xa, de acordo co protocolo que asinemos todos os servizos de saúde, e entendo que lles toca aos maiores de oitenta. Esa é a proposta do Goberno galego, e espero que sexa unha proposta en que a maioría de comunidades autónomas e o ministerio coincidamos porque entendemos que iso é o que toca", asegura Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia.

Alberto Núñez Feijóo aplaude o labor do complexo hospitalario da Coruña coa covid−19 por non verse superado e apláudeo na Casa do Concello coruñés, onde asinou coa alcaldesa o convenio de ampliación do hospital ao dobre da súa superficie actual.

 

Noticias web

01/02/2021