CRTVG

Buscar

Feijóo: "Grazas ás 470.000 persoas que nos votaron en Galicia e nos fan primeira forza"

Publicado o 11/11/2019 01:20

O líder do PPdeG e presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, felicitouse polo feito de que a súa formación "recupere o liderado político" que perdera en abril -aínda que a porcentaxe de apoios supera pola mínima os socialistas galegos, cos que empata en escanos- e, en clave estatal, concluíu que se evidencia, tras estes comicios, evidénciase que "o centro político en España é o PP".   

Dez meses antes das eleccións autonómicas, como el mesmo resaltou, dando a entender que na súa cabeza non está un adianto electoral, Feijóo celebrou que o PPdeG recupere o papel de primeira forza e proclamou que, de feito, mantén "intacta" a "expectativa" de que a formación poida manter a "maioría absoluta". 

O que non quixo aclarar Feijóo, arroupado na súa comparecencia por varios conselleiros e outros cargos da cúpula do PP galego, é se el encabezará a candidatura popular que pelexará na comunidade por manter esta maioría absoluta. O calendario, repetiu, está fixado e sitúase no horizonte do primeiro trimestre de 2020.  Iso si, tras reivindicar o papel do seu partido en Galicia e en Madrid como "centro político", advertiu dos votos a  Vox e  C's que "quedaron sen escanos" en Galicia, e manifestou que continuará traballando por "unir o centro dereita". E engadiu que este luns é "día de goberno", garantindo que en Galicia, fronte ao panorama de bloqueo estatal que "non despexan" os resultados deste domingo, culminarase "unha lexislatura tranquila e segura", con "orzamentos" e políticas de acción en áreas tan importantes como a educación, a sanidade e os servizos sociais.

Xa en clave estatal, Feijóo reivindicou os resultados galegos como "os mellores das tres comunidades nas que gañou" o PP. E ao preguntarlle acerca de se o PP estatal debería fixarse máis no PP galego, remarcou que en España o partido tamén subiu "e ocupou o centro político". Así, augurou maiores éxitos en futuros comicios se Casado mantén "a mensaxe intelixente dos últimos meses".   

Ao preguntarlle sobre como vería unha gran coalición en España, puxo o foco no socialista Pedro Sánchez, de quen asegurou que, en vista do seu discurso televisado posterior aos resultados, tras a "negativa e cerrazón a calquera acordo co PP", parece que "agora quere seguir liderando sen condicións, sen saber como, nin con que, nin con quen". 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí