CRTVG

Buscar

Feijóo: "Galicia rexorde da negra sombra, á que o pobo respondeu con sentidiño"

Publicado o 28/06/2021 14:41

O pai do tempo autonómico, en palabras do presidente da Xunta, recibiu a medalla reivindicando os nosos refráns. Santiago Pemán agradeceu a aposta da Televisión de Galicia pola información meteorolóxica que lle interesa á xente e que el puidera traballar no seu idioma.

"Sempre me dediquei ao tempo meteorolóxico, que tiña moita importancia para a xente do mar e da terra, que necesitaban que fora bo para facer os seus traballos. E o máis importante é que foi feito sempre en galego", dixo Pemán.

Recoñecemento nesta edición para os profesores Xoán Luís Saco Cid, polo seu labor a prol da cultura galega nas letras e na música, e a Manuel Vila López, por unha vida dedicada á integración das persoas de etnia xitana.

"A escola pública é a base da normalización de todas as minorías que existen no noso país", defendeu Manuel Vila.

O Centro Superior de Hostalería de Galicia e a xornalista Esther Eirós, outros dos premiados, tiveron palabras nos seus discursos para o sector da hostalería.

"Resaltar a profesionalidade coa que se enfrontaron a esta pandemia, cunha actitude en moitos casos heroica", destacou Ángel Benavente, profesor do CSHG.

Alberto Núñez Feijóo dixo que o Xacobeo simboliza o triunfo sobre a pandemia e defendeu que unha cogobernanza leal e non esporádica é a mellor receita fronte á crise. "Rexorde a Galicia das proximidades, despois desa 'negra sombra' moi longa, á que o noso pobo respondeu coa arma do sentidiño. Non debemos gardala. Ten que estar sempre a punto porque nos situamos nunha transición ata unha etapa plena de posibilidades, onde poder conxugar verbos como achegar ou apertar. Nesa tarefa hai sitio para todos".

Noticias web

28/06/2021

Máis sobre Santiago de Compostela