CRTVG

Buscar

Feijóo explica que os ministros visitan Galicia para "preparar a próxima campaña electoral"

Publicado o 08/08/2019 19:18

O presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo arremeteu este xoves contra o presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, ao que acusou de estar a elaborar "un relato electoral" co que pretende culpar outros partidos do bloqueo político, e xustificar así a convocatoria de novas eleccións para novembro.

Así o manifestou, en declaracións aos medios, durante un acto con médicos en Baiona e subliñou que, o ocorrido nos últimos días, vén confirmar que "non finalizou" a campaña electoral do "candidato Sánchez", e que continuará ata final de ano.

Segundo Feijóo, o Goberno en funcións "está a preparar a próxima campaña electoral" xa que "só así se explica" que ministros visiten comunidades autónomas "mostrando un enorme desprezo polas institucións democráticas", como ocorreu en Galicia.

O presidente galego volveu criticar que Reyes Maroto acudise a Galicia para falar de Alcoa e non tivese contacto con ninguén da Xunta, mentres que si o fixese co Goberno autonómico de Asturias para falar "do mesmo tema"; ou que Pedro Duque visitase un buque oceanográfico cofinanciado con fondos autonómicos e o Goberno galego o soubese "pola prensa".

Así, constatou que estes representantes do Goberno en funcións estiveron en Galicia "non como ministros", senón como "candidatos do PSOE" para as próximas eleccións que, augurou, serán en novembro.

O líder do PP galego lamentou que Pedro Sánchez e o seu "socio", Pablo Iglesias, estean a manter unha "loita de vaidades", cuxa factura están a pagar os cidadáns, e subliñou que "a vaidade nunca pode estar por encima do interese xeral dun país".

Así mesmo, o presidente galego advertiu de que, a día de hoxe, Sánchez non aclarou se vai ir a unha segunda investidura, e lembrou que o PP exerceu como principal partido da oposición, e expuxo "falar en serio", en vista de que PSOE e Podemos "non se entenden". 

Núñez Feijóo concluíu que "o PSOE non quere a abstención do PP, o que quere é facer responsables os outros partidos do bloqueo", e así "construír un relato para, nesta campaña electoral, xustificar unhas segundas eleccións nun domingo de novembro".

Noticias web

08/08/2019