CRTVG

Buscar

Feijóo: "Estará permitida a mobilidade o 23 en toda Galicia por razóns familiares"

Publicado o 18/12/2020 16:39

Os desprazamentos en Galicia o próximo 23 de decembro estarán permitidos sempre que sexan por razóns familiares para a celebración das festas, aínda nos municipios que se atopen pechados perimetralmente nesas datas. Así, aínda que Galicia quedará a partir desa data pechada ao exterior, segundo decidiu a Xunta esta semana, iso non afectará os desprazamentos entre os diferentes municipios da comunidade.

Segundo explicou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en declaracións aos medios tras participar no acto de presentación das obras de rehabilitación da catedral de Santiago, as decisións sobre as restricións pola covid nas datas do Nadal seguirán en mans de comité clínico e adoptaranse cada semana en función da situación epidemiolóxica.

"Imos seguir tomando decisións de acordo coa situación de cada momento e cada semana das tres que duran as festas de Nadal a Reis", asegurou.

En todo caso, con respecto á mobilidade para a celebración da Noiteboa e o Nadal explicou que "a normativa acredita que por razóns de familia, por razóns de convivencia nesas datas, a xente pode moverse dentro da comunidade". E puntualizou que "nos lugares que aínda puidesen estar pechados o día 23 poderase moverse, só por esas razóns", xunto coas que xa rexen actualmente por traballo, ou cuestións sanitarias, entre outras.

Núñez Feijóo lembrou que o luns hai unha nova reunión do comité clínico, que asesora á Xunta na xestión da pandemia, que verá cales son os datos epidemiolóxicos para "concretar as propostas". Destacou que a maioría dos concellos de Galicia están abertos perimetralmente e pode haber desprazamentos sen necesidade de xustificación e a Xunta seguirá atendendo ás propostas do comité clínico respecto á posibilidade de abrir algún outro municipio. 

 

 

 

Noticias web

18/12/2020